O persoal dos Centros Socioculturais de Santiago chega á décima xornada de folga sen respostas do concello

Mobilizáronse de novo este xoves contra a falta de transparencia do goberno compostelán

Compostela -

O persoal dos Centros Socioculturais de Santiago foi hoxe á súa décima xornada de folga cun malestar manifesto logo de que desde a alcaldía se aprazara a segunda xuntanza prevista co comité para esta mesma xornada.

O comité denuncia que a falta de transparencia “segue a ser o modelo exemplar deste concello” porque “tras acabar a fase de alegacións para a licitación do lote IV, non atopamos nada, absolutamente, na Plataforma de contratación pública que nos poida esclarecer, minimamente, como se desenvolve o proceso”.

Sinalan que foron 3 as empresas que se presentaron á oferta deserta, Serviplus (adxudicataria do lote I), Hyliacon e Move proyectos e inversiones, mais que esa é a única información que teñen a día de hoxe, “a 10 días de entrar as novas empresas adxudicatarias e a menos dun mes de entrar a empresa do Lote IV”.

O comité pregúntase que pasa en contratación e “porque nos negan o acceso a información básica e non confidencial”. Cuestiónanse se a contratación “é un servizo da cidadanía ou un servizo do alcalde” e avanzan que esta folga “non quedará aquí”.

Advirten ademais que de non ter solucións antes do día 1 de xullo, de non haber achegamento os centros, “desta vez si, pecharanse totalmente no mes de xullo para a conciliación de verán”.
Denuncian que “xogar cos postos de traballo e co futuro das persoas que manteñen este servizo vivo todo o ano non é unha broma” e aseguran que serán “contundentes”, porque “niso vai o noso futuro, e non temos nada que perder”.

Volver