O persoal do almacén de Lidl en Narón cumpre un mes en folga indefinida en demanda do cumprimento do convenio

Narón -

Os traballadores e as traballadoras do almacén de Lidl de Narón levan máis dun mes en folga indefinida para demandar o cumprimento do convenio colectivo de empresa, e nomeadamente que a compañía proceda a reforzar o cadro de persoal xa que se está superando por sistema o límite máximo de horas extraordinarias que marca o Estatuto das persoas traballadoras.

Neste mes de durísima folga, os traballadores e as traballadoras tiveron que enfrontarse á falta de diálogo da empresa e ás manobras para tentar boicotear o paro: primeiro metendo ás agochadas persoal alleo ás instalacións de Narón e despois, tras as denuncias na Inspección, abastecendo os supermercados de Galiza, Asturies e León con mercadorías procedentes de almacéns de Euskadi e Madrid.

Esta actuación, explica Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, constitúe unha clara vulneración do dereito á folga, xa que a empresa procedeu a reorganizar e redistribuír o traballo no medio da folga, desviando a carga de traballo de Narón a outras plantas que ten no Estado.

A este respecto, engade que Lidl ten especial coidado en que nos supermercados da comarca de Ferrol non falten produtos "para así trasladarlle á clientela unha imaxe de que non hai conflito ou de que a folga apenas ten seguimento". Cando a realidade é todo o contrario: o persoal indefinido non está traballando e a actividade no almacén de Narón está paralizada dende hai máis dun mes.

De feito, este xoves, para visibilizar a súa loita, o persoal realizou unha nova caravana de vehículos polas rúas da comarca que saíu do almacén e rematou cunha concentración diante da tenda que Lidl ten no Polígono da Gándara.

Xuízo o próximo martes

As prácticas de esquirolaxe foron denunciadas tanto na Inspección como nos xulgados, até en dúas ocasións. Para o próximo martes, 21 de marzo, está fixada a data de xuízo contra Lidl por vulneración do dereito fundamental á folga. As partes, apunta Martínez Padín, están citadas nos xulgados de Ferrol para ás 11:30h.

Malia o comportamento chulesco da compañía e a negativa a abrir unha vía de negociación, os traballadores e as traballadoras continúan adiante coa folga para reclamar o cumprimento do convenio colectivo e que Lidl atenda dunha vez os múltiples requirimentos da Inspección de Traballo, derivados das denuncias presentadas polo comité nos últimos catro anos.

Neste senso, a representante da CIG-Servizos amósase sorprendida pola negativa da empresa a dialogar, prolongando de maneira innecesaria o conflito, cando o único que se pide é que cumpra o seu propio convenio.

Especialmente no relativo ao exceso de xornada, xa que se supera o máximo legal de 80 horas extraordinarias ao ano que estabelece o Estatuto das persoas traballadoras. Engade que esta non é unha reivindicación salarial como a empresa pretende facer crer nas súas declaracións aos medios, "estamos pedindo que se amplíen as xornadas do persoal a tempo parcial e do eventual para poder afrontar a sobrecarga de traballo que hai e que se respecten os dereitos laborais que os traballadores e as traballadoras xa teñen recoñecidos".

Volver