O persoal do almacén de Lidl, en folga dende o 14 de febreiro, levará este venres as súas protestas á Xunta de Galiza

Narón -

O persoal do almacén de Lidl en Narón, que está en folga indefinida dende o pasado 14 de febreiro para reclamar o cumprimento do convenio colectivo, levará mañá, venres 10 de marzo, a súa loita até o complexo administrativo de San Caetano en Compostela. Entre ás 10 e ás 11:00 horas, os traballadores e as traballadoras concentraranse na entrada do Rexistro para demandar a mediación da Xunta de Galiza ante a vulneración reiterada do dereito á folga e o prolongamento innecesario do conflito por parte da empresa.

Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, subliña que a dirección mantén unha postura inmobilista, negándose a negociar coa representación do persoal e actuando con absoluta prepotencia. Denuncia que dende o primeiro día Lidl quixo deixar sen efecto o paro suplindo primeiro aos traballadores e traballadoras en folga introducindo ás agachadas persoal alleo ás instalacións (práctica que foi denuncia na Inspección de Traballo) e, despois das visitas da Inspección, enviando os produtos ás tendas dende outros almacéns.

"Estas actuacións constitúen unha clara vulneración do dereito fundamental á folga, que xa tivemos que denunciar na Inspección de Traballo e nos xulgados", apunta Martínez Padín. A última denuncia púxose o pasado sábado no xulgado de garda de Ferrol logo de comprobar como a empresa enviara camións cargados de mercadorías dende Euskadi e Madrid para abastecer as tendas galegas e da zona noroeste.

A estes estabelecementos, aclara, distribúenselle as mercadorías dende o almacén de Narón. A este respecto, Martínez Padín engade que Lidl ten especial coidado en que nos supermercados da comarca de Ferrol non falten produtos "para así trasladarlle á clientela unha imaxe de que non hai conflito ou de que a folga apenas ten seguimento". Cando a realidade é todo o contrario: o persoal indefinido non está traballando e a actividade no almacén de Narón está paralizada.

De feito, este xoves, para visibilizar a súa loita, o persoal realizou unha nova caravana de vehículos polas rúas de Ferrol que rematou cunha concentración diante da tenda que Lidl ten no Polígono da Gándara.

Pero as prácticas de Lidl van mais alá da esquirolaxe e esta mesma semana (a cuarta de folga), reforzou o servizo de seguridade privada con persoal traído de fóra que "claramente se excede nas súas funcións". Así, a sindicalista explica que estes vixilantes saíron do recinto da empresa cara a onde estaba o piquete informativo, con actitude provocadora e co obxectivo de presionar ao persoal en folga. Até o punto de que a policía lles tivo que chamar a atención e indicarlle que só podían actuar dentro instalacións da empresa.

Malia o comportamento chulesco da compañía, os traballadores e as traballadoras continúan adiante coa folga para reclamar o cumprimento do convenio colectivo e que Lidl atenda dunha vez os múltiples requirimentos da Inspección de Traballo, derivados das denuncias presentadas polo comité nos últimos catro anos. Neste senso, a representante da CIG-Servizos amósase sorprendida pola negativa da empresa a dialogar, prolongando de maneira innecesaria o conflito, cando único que se pide é que cumpra o seu propio convenio.

Especialmente no relativo ao exceso de xornada, xa que se supera o máximo legal de 80 horas extraordinarias ao ano que estabelece o Estatuto das persoas traballadoras. Engade que esta non é unha reivindicación salarial como a empresa pretende facer crer nas súas declaracións aos medios, "estamos pedindo que se amplíen as xornadas do persoal a tempo parcial e do eventual para poder afrontar a sobrecarga de traballo que hai e que se respecten os dereitos laborais dos traballadores e das traballadoras".

Volver