O persoal de Vegalsa-Eroski da Coruña, en loita para volver ao convenio sectorial

A Coruña -

O pasado 18 de decembro centos de traballadoras e traballadores de Eroski e Vegalsa (que en Galiza operan como unha sociedade ao 50%) manifestábanse nas rúas da Coruña para exixiren condicións salariais e laborais dignas. Con esta marcha, a CIG iniciaba a campaña de mobilizacións para demandarlle á empresa que regrese ao convenio colectivo provincial do comercio de alimentación, do que saíu en 2006 para aplicar un convenio propio (negociado en Madrid con CCOO, UGT e FETICO) de condicións inferiores.

O resultado de afastar a negociación colectiva é que o persoal desta cadea ten actualmente as peores condicións económicas de todo o sector, a tal punto que a diferenza salarial co convenio provincial da Coruña (para persoal coa mesma antigüidade e categoría) chega aos 3.000 euros anuais.

As peores condicións do sector

Pero ademais, as empregadas e empregados de Vegalsa-Eroski tamén perderon o plus de transporte e viron como empeoraban as súas condicións de traballo no referido a xornada e licenzas.

As delegadas da CIG denuncian que no convenio de Eroski o tempo de descanso para as xornadas superiores a 6 horas non se contabiliza como tempo de traballo efectivo, "o que supón que cada ano traballamos unhas 70 horas máis que as compañeiras e compañeiros de Gadis ou Froiz, que están no convenio provincial".

Xunto a isto, explican que tampouco teñen recoñecidos os tres días de asuntos propios nin o dereito a coller tres sábados ao ano sen que se mova o resto do calendario.

As delegadas da CIG critican a negativa Vegalsa-Eroski a negociar e exíxenlle que cumpra co disposto na reforma laboral, que estabelece que un convenio de empresa non pode ter condicións inferiores ás do convenio de sector, como é o caso.

Pero Vegalsa-Eroski, en vez de regresar ao convenio sectorial, está manobrando para sortear esta obriga legal, polo que a CIG, a maiores das mobilizacións dos días 18 e 28 de decembro e 4 de xaneiro, non descarta a convocatoria de folga nos centros de traballo da provincia da Coruña.

Volver