O persoal de limpeza dos hospitais Clínico, Gil Casares e Provincial consegue avances grazas ás mobilizacións

A Xerencia segue sen querer abordar a sobrecarga de traballo e o dimensionamento do cadro de persoal

Compostela -

As traballadoras de limpeza dos hospitais Clínico, Gil Casares e Provincial mobilizáronse este xoves, como veñen facendo desde o mes de outubro diante dos respectivos hospitais, cada martes e cada xoves, en demanda de que se cumpran os acordos preexistentes. Mobilizacións grazas ás que teñen acadado certos avances na última xuntanza de negociación coa empresa. Desta volta manifestáronse diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, coincidindo coa celebración do Consello da Xunta.

Entre as súas demandas ademais do cumprimento dos acordos reclaman, segundo explica o representante da CIG, Anxo Noceda, que o prego de licitación do Clínico-Gil Casares non empeore as condicións laborais e xere sobrecargas de traballo neste cadro de persoal.

Noceda subliña que, como consecuencia destas mobilizacións, o pasado día 29 de novembro celebrouse unha xuntanza coa dirección da empresa na que, por vez primeira en moito tempo, se pode constatar algún mínimo avance. Neste sentido explica que, por parte da empresa, accédese a poñer data para aboar a carreira profesional, en concreto a partir do mes de decembro. “Pero se vai facer de conformidade, estritamente, co que establecen os acordos internos do SERGAS e non como está establecendo as diferentes sentenzas que van nunha liña moito máis favorable para o conxunto das traballadoras e traballadores”, matiza.

Neste sentido sinala que, por parte dos comités, valorouse o avance neste punto “mais se lle recalcou á empresa que non se ía renunciar á vía xudicial”.

Xunto a isto, o representante da CIG sinala que se avanzou tamén no regulamento do acoplamento de vancantes do concurso de prazas e “parece que tamén se podería desbloquear o concurso de vacantes actualmente en marcha”.

Noceda apunta que, porén, noutros aspectos “non se produciu ningún tipo de aproximación”. A este respecto sinala a compensación dos días covid ás persoas que traballaron, durante toda a pandemia nas chamadas zonas covid ou ben con doentes con covid e que lles corresponderían esas compensacións.

Sobrecarga de traballo

Tampouco se avanzou absolutamente nada “na preocupación que ten o persoal e, sobre todo, no Clínico Gil Casares, nos pregos de licitación en canto abordar a sobrecarga de traballo e o dimensionamento do cadro de persoal”.

Sobre esta cuestión o representante da CIG lembra que tamén se abordou a repercusión que na sobrecarga de traballo supoñen as peonadas, tanto no hospital Clínico, como no Gil Casares ou no Provincial, “máxime cando se reforzan todos os postos de traballo agás os do persoal de limpeza”.

A este respecto Noceda matiza que á representación sindical “quedoulle claro que o principal obstáculo para resolver a sobrecarga de traballo non van ser as empresas adxudicatarias. O maior obstáculo vai ser a Xerencia da que descoñecemos que cuestións pode ter preparadas para que o persoal en lugar de mellorar nas súas condicións laborais se vexa aínda máis prexudicado”.

O representante da CIG lembra que no decurso da xuntanza púidose constatar tamén que a avaliación feita por parte da representación sindical, dunha posible perda de até 20.000 horas anuais, non só preocupa á parte sindical, senón que tamén á parte empresarial que teme que, efectivamente, poida ser así”.

Así as cousas, están pendentes novas xuntanzas dos comités de empresa para avaliar toda esta situación e ver como se lle dá continuidade ás mobilizacións.

Volver