O persoal de limpeza de Correos maniféstase na Coruña para reclamar o cobro inmediato dos seus salarios

Nacional -

Traballadores e traballadoras da limpeza de Correos de todo o país (que están en folga dende o 4 de setembro) manifestáronse esta mañá na Coruña para exixir o pago inmediato dos seus salarios. A día de hoxe, a empresa adxudicataria, SCT (Limpezas J Córdoba) ten pendente de abonarlle catro nóminas e a paga extraordinaria, e todo fai indicar que tampouco percibirán o soldo de novembro.

Na manifestación, que partiu da Oficina Principal de Correos (rúa Alcalde Manuel Casas) e rematou diante da Delegación do Goberno, o persoal denunciou a neglixencia da empresa pública, que segue sen licitar o novo contrato, alongando esta situación insostíbel e agravando a precariedade que sofre o persoal.

Por iso reclamaron o cese da actual dirección de Correos e a internalización do servizo, para que este deixe de estar en mans de “empresas piratas que só buscan sacar o maior beneficio dos cartos públicos, a custo de precarizar as condicións laborais das traballadoras e traballadores".

O presidente do comité de folga, Óscar Iglesias, alertou da situación insostíbel  que vive o persoal a causa de non cobrar os salarios, que está a derivar en problemas psicolóxicos e serias dificultades económicas a tal punto que moitos “traballadores e traballadoras, por desesperación, teñen que recorrer a axudas sociais”.

Mentres, nin a empresa nin Correos “nos din nada. Parece ser que teñen o contrato rescindido, pero dende xullo ninguén se puxo en contacto con nós”. Lembrou que a empresa postal sacou unha licitación do servizo cun dotación de 30 millóns pero ningunha empresa se presentou ao considerar o contrato deficitario. “Volveron lanzar outra licitación de 50 millóns, que está resolvéndose pero non sabemos con que resultado”,  aínda que o persoal non ten moitas esperanzas neste proceso tendo en conta a actual débeda xerada polos impagos por SCT.

Iglesias criticou que unha empresa de carácter público como Correos saque contratos á baixa, por debaixo dos custes reais, aos que só concorren empresas piratas. Despois son as traballadoras e os traballadores quen pagan as consecuencias, non cobrando os seus salarios ou vendo como se lle precarizan as condicións laborais.

Neste contexto, o persoal leva meses mobilizándose, con denuncias en Inspección e tentando contactar con Correos e a empresa adxudicataria sen obter ningunha solución. Unha situación extrema que obriga a moitas persoas a ter que recorrer á axudas sociais e de ONG para poder afrontar o pago dos alugueiros ou facer a compra.

“Non sabemos a que están esperando para resolver a situación, a que haxa unha desgraza?”, inquiriu Iglesias, quen lembrou que esta problemática se estende ao resto de provinciais nas que SCT ten adxudicado o servizo e salientou que nunca antes se dera unha situación desta gravidade no servizo.

Volver