O persoal de GFS segue a mobilizarse para que se respecten os seus dereitos e pola readmisión do compañeiro despedido

Ferrol -

Traballadores e traballadoras de GFS Security Group continúan coas mobilizacións en defensa dos seus dereitos laborais e salariais e contra a represión sindical practicada pola empresa. Este venres concentráronse en Mugardos diante da rotonda de acceso a Reganosa e Forestal del Atlántico (ambas empresas do Grupo Tojeiro).

Precisamente, o Grupo Tojeiro vén de renovar o contrato de seguridade privada con esta empresa, malia os reiterados incumprimentos laborais, a persecución ao persoal e as ilegalidades cometidas por GFS nos últimos meses. Hai que lembrar que esta compañía se fixo en outubro cos servizos que en Galiza prestaba Prosetecnisa (quen arrastraba problemas no abono dos salarios e saíu do servizo adebedándolle ao persoal as liquidacións), e en  tan só tres meses acumulou unha chea de irregularidades, ao punto de despedir a un membro do comité pola CIG.

O despedimento, apunta Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, xa foi denunciado en vía xudicial ao tratarse dunha clara represalia contra o traballador polo seu labor sindical e reivindicativo. Pero ademais, hai outros dous compañeiros que tamén foron apercibidos, e que nestes momentos se atopan en situación de licenza retribuída tras a comunicación entregada pola empresa a cada un deles.

Por iso, na concentración deste venres, o persoal reclamou a readmisión inmediata do compañeiro despedido e unha resolución urxente á situación dos outros dous compañeiros. Mais coa protesta tamén queren pór en evidencia que dúas infraestruturas consideradas críticas como Reganosa ou Forestal del Atlántico "confían a seguridade das súas instalacións a unha empresa que están sendo investigadas pola comisión de múltiples ilícitos legais".

A este respecto, Rodríguez apunta á presunta falsidade documental na que incorreu GFS na entrega da documentación achegada para a cesión de servizos por parte de Prosetecnisa ou ás irregularidades arredor da Prevención de Riscos Laborais, "invitando o persoal a cubrir un cuestionario do que xa se daban as respostas, ou enviando actas de entregas de EPI para que fosen asinadas por un persoal que non recibiu nin un triste par de botas de seguridade".

A situación do persoal está agravada pola débeda deixada por Prosetecnisa na liquidación derivada da súa saída dos servizos, que seguen sen percibir, malia que "GFS está a recoñecer a súa responsabilidade de pagamento nas conciliacións do persoal que fixo a reclamación na vía xudicial". E mentres, a empresa  segue a cobrar as facturas mes a mes do Grupo Tojeiro e os demais clientes.

Sobre o mantemento do contrato de seguridade privada, Xabier Rodríguez apunta ao papel "de Jaime Villares, home chave que actúa de nexo de unión entre as compañías de seguridade que traballan para o Grupo Tojeiro e que ten a curiosa habilidade de atopar sempre a peor empresa do momento para poñer eses servizos aos seus pés".

Mais engade que, "por moito que Villares propoña" non sería posíbel a formalización dos contratos sen o visto bo do Grupo Tojeiro. Por iso, sinala á responsabilidade que a propietaria de Gadis ten cos traballadores e traballadoras que lle prestan o servizo de seguridade privada , xa que súa é a decisión de entregarlle o contrato a este tipo de empresas pirata que non respectan os dereitos laborais nin cumpren coa lexislación vixente. 

"Dende a CIG continuaremos a denunciar o tempo que sexa preciso a situación deste persoal, asoballado pola empresa GFS", asevera Rodríguez.

Volver