O persoal de conserxería dos polideportivos municipais da Coruña reclama o pago do plus recollido no convenio
O domingo 29 de setembro iniciarán mobilizacións e non descartan a convocatoria de folga
A Coruña -
O persoal de conserxería das instalacións deportivas municipais da Coruña vai iniciar mobilizacións para reclamarlle á empresa concesionaria, Ilunion Outsourcing, que cumpra co convenio colectivo e pague o complemento de polivalencia. Así o acordaron as traballadoras e traballadores nas asembleas realizadas este martes, que non destacan a convocatoria de folga no servizo.
O calendario de protestas comezará o próximo domingo, 29 de setembro, cun reparto de panfletos informativos no entorno do Coliseum ao inicio do partido do Basquet Coruña. Esta acción repetirase en todas as competicións deportivas destacadas que teñan lugar na cidade. O xoves 3 de outubro, coincidindo coa sesión do pleno municipal, o persoal concentrarase a partir das 09:00h na Praza de María Pita, onde tamén disputarán un partido de fútbol reivindicativo.
Alén das mobilizacións, o comité (CIG, UGT e CCOO) xa avanzou que se vai presentar denuncia xudicial contra a empresa Ilunion Outsourcing e contra o Concello da Coruña polo incumprimento do abono do plus de polivalencia que recolle o convenio colectivo. A este respecto, o presidente do comité, Xulio Ramilo, explicou que o persoal de conserxería dos polideportivos e campos de fútbol municipais está regulado por un convenio propio que contempla o pago dun plus de 300 euros.
Pero dende agosto, Ilunion Outsourcing (Grupo Social Once) négase a pagar este complemento "porque di que o Concello da Coruña non lle abona a contía". Ramilo apunta que o convenio colectivo foi publicado o ano pasado e a administración local era coñecedora dos acordos que se estaban a negociar. Por iso, reclámalle á empresa e ao Concello que cumpran cos dereitos salariais destes 80 traballadores e traballadoras e que de inmediato se proceda ao pago das cantidades adebedadas.