O persoal de Albada retoma as mobilizacións para esixir solucións urxentes ante a demora dos pregos

A CIG reclámalle ao Concello da Coruña que asuma a o control directo da planta

A Coruña -

Os traballadores e as traballadoras de Albada retomaron este xoves as mobilizacións para esixir solucións urxentes ante o inxustificado atraso na publicación dos pregos da nova concesión, o deterioro imparábel das instalacións e o recorte continuado das condicións laborais e salariais.

A concentración desenvolveuse diante do Pazo de María Pita coincidindo coa celebración do pleno municipal e na mesma criticouse o absoluto desleixo da concelleira de Medio Ambiente coa planta de tratamento de residuos de Nostián, xa que segue sen concretar unha data de reunión co comité logo de anular a que estaba fixada para o 12 de maio.

Dende entón, o Concello non trasladou máis información nin sobre a elaboración dos pregos, nin sobre os prazos que manexa para a súa publicación (cando todo parece indicar non estarán listos antes de que remate a actual lexislatura) nin sobre que medidas ten previsto adoptar para garantir o funcionamento das instalacións no futuro próximo, tendo en conta que Albada (Grupo Urbaser) non está facendo os investimentos necesarios nin os mantementos preventivos.

O mal estado do complexo chega até o punto de que esta semana se anegaron varias das naves porque chove dentro das instalacións. A iso engádeselle, entre outras moitas eivas, que o vertedoiro segue sen selar (a pesar de que hai unha sentenza firme que obriga a Albada a facer esta obra), que a empresa aínda non arranxou o biodixestor ou que un tromel (unha das máquinas que separa os residuos) a piques de romper, o que suporá a inutilización da liña de traballo.

Diante desta situación insostíbel, a representación da CIG reclámalle unha vez máis ao Concello da Coruña que asuma de forma directa o control das instalacións mentres non haxa unha nova concesión, pois está é a única vía para garantir a seguridade do persoal, que se cumpran coas condicións establecidas nos pregos e que realmente se preste o servizo polo que a cidadanía está pagando.

Volver