O persoal das residencias segue en pé de guerra: “Non somos escravas, somos traballadoras!”
Unha nova manifestación convocada pola CIG-Servizos percorreu hoxe as rúas de Pontevedra para reclamar un convenio digno
Pontevedra -
O persoal das residencias da terceira idade privadas continuou hoxe en Pontevedra coa intensa campaña que está a desenvolver ao longo do país para dignificar as súas condicións laborais. Unha nova manifestación convocada pola CIG-Servizos percorreu hoxe as rúas da cidade ao berro de “Non somos escravas, somos traballadoras” en demanda de melloras laborais reais no convenio colectivo.

A marcha arrincou da residencia DomusVi da rúa Loureiro Crespo ás 18:30 horas e rematou na residencia Saraiva, na rúa Don Gonzalo, onde se deu lectura a unha manifesto coas principais reivindicacións do persoal do sector. Tamén se anunciou a celebración dunha asemblea nacional de delegadas/os do sector o vindeiro 7 de marzo no edificio Cersia de Santiago ás 10:30 horas para decidir as seguintes accións a levar a cabo para mellorar as condicións de traballo.
O principal obxectivo é lograr un convenio colectivo digno, tendo en conta que na última xuntanza da mesa negociadora que tivo lugar no mes de outubro a patronal achegou unha proposta que deixaba o persoal sen complemento en caso de baixa, non incluía unha redución da xornada, non contemplaba melloras de carácter social e fixaba salarios por debaixo do SMI dende 2024 até 2027.
Unha proposta coa que o empresariado pretendía afondar na precariedade laboral que caracteriza un sector de coidados altamente feminizado: salarios pensados para ser complementarios dos homes, con xornadas parciais, con cargas de traballo elevadas, con esforzos físicos e con exposición a riscos. “Desta situación son responsábeis as patronais do sector, que buscan na necesidade social facer caixa a costa do lombo das traballadoras/es, coa conivencia de CCOO e UGT e a inoperancia da Xunta do PP”, tal e como denuncian dende a CIG-Servizos.

Perda de poder adquisitivo
A central sindical lamenta que as actuais condicións de traballo foron legalizadas por CCOO e UGT mediante a sinatura do convenio vixente, que ocasionou unha perda de poder adquisitivo do 7,8%. E o modelo de atención e coidados a persoas maiores e dependentes foi implementado polo PP.
Un modelo no que o prezo por residente nos centros públicos é o mesmo que nos concertados, 21.273,09 euros, dos que a Xunta aporta o 70,1% (15.013,77 euros). E no que a metade das prazas que ofertan as residencias privadas son financiadas pola Xunta; destas, DomusVi e a Fundación San Rosendo reciben dúas de cada tres prazas concertadas. No caso de DomusVi o 70% do seu negocio vai a cargo do contribuínte.
En consecuencia, a Xunta ten nas súas mans intervir neste sector, xa que case a metade das prazas que se ofertan están directamente financiadas con cartos públicos. “Por iso urxe actuar e camiñar cara a un único marco, cara a un sistema de coidados público e garantista”.