O persoal da recollida de lixo do Concello de Narón irá á folga indefinida en demanda dun convenio digno
Ferrol -
Os traballadores e as traballadoras do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Narón irán á folga indefinida a partir do 25 de abril en demanda dun convenio digno. Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa na que denunciaron a proposta económica "de lixo" trasladada por Urbaser, xa que nin garante o mantemento do poder adquisitivo nin permite recuperar os salarios perdidos nos últimos anos.
O convenio colectivo venceu o 31 de decembro de 2019 e dende entón os máis de 50 traballadores e traballadoras do servizo están cos salarios e coas condicións laborais conxeladas. Aínda que as negociacións entre empresa e comité (integrado por 5 delegados/as da CIG) para renovar o convenio se iniciaron naquela altura, as conversas estiveron paradas debido á pandemia e aos problemas coa licitación do novo contrato.
A mediados do pasado ano, explica Francisco Cartelle, secretario da CIG-Servizos de Ferrol, retomáronse as negociacións, pero despois de múltiples xuntanzas foi imposíbel avanzar nun acordo debido a postura inmobilista de Urbaser. A tal punto son cativas as súas propostas que, en materia económica, a empresa pretende que o persoal asuma a conxelación salarial dende 2019 até agosto de 2023, malia que os IPC de 2021 e 2022 remataron no 6,5% e no 5,7%, respectivamente.
A partir de agosto de 2023, Urbaser ofrece un miserábel incremento do 2,5% e para o ano 2024 unha suba do 2%, mais sen cláusula de revisión salarial. "Esta proposta, subliña Cartelle, suporía consolidar unha perda do poder adquisitivo dos salarios dun 13% só até 2023, perda que os traballadores e as traballadoras non están dispostas a asumir", menos aínda no actual contexto de empobrecemento da clase obreira, a causa da elevada carestía da vida.
Pero ademais a empresa nin sequera trasladou unha proposta de melloras en materia laboral e social en contrapartida á nula suba salarial.
Ante as pretensións de Urbaser, a asemblea de traballadores e traballadoras acordou convocar folga indefinida na recollida do lixo e na limpeza viaria. O paro comezará ás 05:00 horas do próximo martes 25 de abril, e afectará a totalidade do cadro de persoal.
Chamamento ao Concello para que interveña
A representación do persoal tamén lanzou un chamamento ao Concello de Narón para que interveña de maneira activa na solución do conflito e demandoulle que amose a súa sensibilidade coa parte social decretando uns servizos mínimos que permitan o exercicio efectivo do dereito á folga.
Así mesmo, na rolda de prensa informouse que para o próximo luns pola tarde a empresa convocou ao comité a unha reunión "mais entendemos que non haberá solución, tendo en conta as prácticas de Urbaser e que fixa a xuntanza para o último día a última hora, en vez de facelo para esta mesma semana, o que denota o nulo interese negociador da empresa".