O persoal da planta de Nostián irá a folga a partir do día 21 de maio

Diante da negativa da empresa a asinar o texto definitivo do convenio

A Coruña -

O pasado 13 de abril, Albada e o comité de empresa chegaban, despois de máis de 20 meses de negociacións, a un preacordo para a aprobación do novo convenio colectivo para os anos 2022-2027, que foi ratificado posteriormente nas asembleas do cadro de persoal. Isto permitiu suspender a folga convocada para os primeiros tres días da semana santa.

Pero a empresa UTE Albada négase agora a dar cumprimento ao acordado e proceder á sinatura do texto íntegro do convenio colectivo. A representación social emprazou a dirección a unha reunión para dar cumprimento ao acordado no mes de abril, obtendo por resposta unha negativa a sentar e cumprir o pactado.

O comité entende que hai unha evidente mala fe na negativa da empresa a asinar o convenio colectivo, o que causaría un grave prexuízo ao conxunto do cadro de persoal que vería novamente adiada a recuperación do poder adquisitivo dos seus salarios, nun momento de grave crise pola carestía da vida, ao tempo que vería tamén incumpridos os compromisos adquiridos en materia social e de xornada.

Prodúcese este feito, ademais, "nun contexto de incertezas permanentes a respecto de cal vai ser o futuro da Planta de Tratamento de Nostián,  xa que a licitación continúa no aire e o goberno de Inés Rey foi incapaz de sacar os pregos tal e como afirmou permanentemente ao longo destes catro anos de mandato que faría", denuncian.

Aumenta pois a preocupación no cadro de persoal polo convenio colectivo e pola inacción do Concello da Coruña, "que non fixo os deberes a tempo pondo en grave risco o futuro das instalacións e os postos de traballo. Nin a comarca da Coruña nin as persoas traballadoras da planta de tratamento son merecentes deste desatino que caracteriza a actuación do Concello da Coruña en todo o relativo á posta en marcha dos novos pregos e na busca dunha solución para facer desta planta un modelo de eficiencia e eficacia no tratamento do residuos".

Diante deste incumprimento, o comité acordou convocar un novo calendario de folga para tentar desbloquear a situación e que Albada proceda a ratificar o preacordo existente. De ser aprobada nas asembleas a proposta do comité, a folga faríase do seguinte xeito en todas as quendas de traballo:

  • das 22 horas do 21 de maio ás 22 horas do luns 22 de maio
  • das 22 horas do 23 de maio ate ás 22 horas do mércores 24 de maio
  • das 22 horas do 25 de maio ate ás 22 horas do venres 26 de maio.

Volver