O persoal da limpeza do CHUP clama contra a discriminación salarial e por unhas condicións dignas

Acciona vén de confirmar a volta ás negociacións do convenio tras suspender a última xuntanza

Pontevedra -

O cadro persoal da limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), que desenvolve o seu traballo no hospital provincial e no de Montecelo, desenvolveu hoxe a primeira das mobilizacións convocadas para rexeitar a discriminación salarial que padecen e rexeitar as pretensións de Acciona, concesionaria do servizo, de recortar dereitos laborais. A empresa vén de confirmar a volta ás negociacións do convenio tras celebrarse unicamente catro xuntanzas dende setembro e despois de que tivese suspendido a prevista para o pasado 20 de decembro.

As concentracións, que foron promovidas pola CIG, CCOO e UGT e aprobadas en asemblea polas/os traballadoras/es, celebráronse diante das entradas principais dous dos centros hospitalarios a partir das 10:00 horas para visibilizar o conflito laboral.

A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, Diana Rodríguez, explica que o convenio colectivo da limpeza hospitalaria do CHUP, que foi denunciado este ano, levaba sen negociarse dende 2016. Os contactos entre a empresa e a representación sindical comezaron en setembro, tempo no que se celebraron unicamente catro xuntanzas, xa que a Acciona optou por suspender sen data a prevista para o pasado 20 de decembro. Pero hoxe mesmo, coincidindo coa primeira xornada de mobilizacións, vén de anunciar que as reunións da mesa negociadora retomaranse este mércores 19.

Con todo, as centrais anuncian que as protestas continuarán este xoves 13, o martes 18 e o xoves 20 de xaneiro, tal e como estaba previsto, para forzar un cambio de actitude da dirección empresa, “que xa comunicou que non vai asumir ningún tipo de suba de soldos excepto a equiparación co persoal do Sergas, cando por exemplo o persoal do servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que xestiona tamén Acciona, conta cunha mellora salarial de entre 675 e 850 euros anuais”, critica.

Diante disto, a responsábel sindical anuncia que os sindicatos non van permitir o que consideran un claro exemplo de discriminación salarial, ao tratarse de traballadoras/es da mesma empresa que desenvolven o seu labor no mesmo sector.

Ao mesmo tempo, censura que Acciona pretenda recortar unha serie de dereitos laborais mediante a eliminación do acoplamento de postos de traballo, a limitación da solicitude de días moscosos e a ampliación do período de goce das vacacións a catro meses (de xuño a setembro, cando até o de agora é de xullo a agosto).

Sobrecarga de traballo

Por outra banda, denuncia que a concesionaria non está a reforzar o servizo para facer fronte ás novas necesidades derivadas da pandemia da covid, ademais de non cubrir as máis de 20 baixas laborais que se rexistran na actualidade, o que está a incrementar aínda máis a sobrecarga de traballo que padece o persoal.

Tamén fixo fincapé no feito de que as traballadoras/es da limpeza hospitalaria son as únicas do CHUP que non contan cun plus de perigosidade a pesar de que son as que máis tempo pasan en contacto cos pacientes. “Outras/os empregadas/as, como as da limpeza da cociña, si que o teñen”.

Finalmente, adianta que non se descarta unha convocatoria de folga no servizo no caso de que tras as protestas a empresa non retome as negociacións do convenio “cunha actitude máis dialogante”, tal e como acordaron as traballadoras/es na asemblea celebrada o pasado 29 de decembro, encontro no que tamén decidiron a celebración das protestas que comezaron esta mañá.

Volver