O persoal acepta a proposta da empresa pero a folga mantense á espera de que UTE Carballo convoque reunión para asinar o acordo
Carballo -
A asemblea de traballadores e traballadoras da recollida do lixo de Carballo celebrada no serán deste xoves aceptou, por unanimidade, a última proposta achegada pola empresa concesionaria do servizo, UTE Carballo (Urbaser e Servicios Gallego de Lacería). Porén, a folga continúa adiante á espera de que a empresa convoque unha nova reunión para proceder a sinatura do acordo.
O colectivo de persoal valora positivamente esta proposta xa que mellora substancialmente as condicións económicas e sociais que tiñan até o de agora. A oferta achegase moito ás demandas do persoal, comezando pola propia vixencia do convenio, que será de tres anos e non de cinco como quería inicialmente a empresa.
O responsábel da CIG de Carballo, Martín Caamaño, destaca entre outras melloras que se recoñecen complementos nas situacións de incapacidade temporal, tanto nas profesionais como nas comúns, tal e como reclamaba o persoal; que por primeira vez se estabelecen días de asuntos propios; que se aumentan as vacacións un día máis; ou a creación de permisos novos con reserva de posto.
En materia económica dáse un salto cuantitativo nas táboas ao pactárense incrementos salariais anuais medios por enriba do 5%, e cobraranse os atrasos dende xaneiro deste ano. Ademais, recóllese unha cláusula que garante o mantemento do poder adquisitivo dos salarios durante a vixencia do convenio.
Xunto a isto procederase a incrementar o pago dos festivos traballados, e por primeira vez crearase un novo seguro en caso de morte, accidente e enfermidade profesional.
O resultado da asemblea foille comunicado á empresa nada máis rematar a xuntanza, co obxectivo de que convocara unha reunión para proceder a sinatura do acordo o máis axiña posíbel. Non obstante, de maneira incomprensíbel a UTE aínda non fixo movementos nin concretou data e hora de reunión. Por iso, a folga indefinida segue convocada mentres non se proceda á materialización da firma do acordo.