O naval vigués paraliza a actividade e mobilízase para denunciar unha nova morte nos estaleiros

Un operario da construción faleceu onte vítima dun accidente laboral nas instalacións de San Enrique (antiga Vulcano) en Teis

Vigo -

O sector naval da Ría de Vigo paralizou hoxe a actividade e mobilizouse polas rúas da cidade e diante da Xunta en solidariedade co operario da construción falecido onte en accidente laboral nas instalacións de Astilleros San Enrique (antiga Vulcano) en Teis. Dende a CIG instan as empresas a garantir un maior control na coordinación de actividades dentro dos estaleiros e a Inspección de Traballo a extremar a vixilancia sobre o cumprimento das medidas de prevención e seguridade.

Varios centos de operarios/as concentráronse a primeira hora da mañá ás portas dos seus respectivos centros de traballo para iniciar unha marcha a pé dende a Avenida de Beiramar até o cruzamento da rúa Colón, dende onde se encamiñaron cara a delegación da Xunta na cidade. Unha vez máis o sector vese obrigado a botarse á rúa para denunciar un novo caso de morte no traballo, nesta ocasión a dun operario dunha empresa de construción que instalaba paneis solares en San Enrique.

Dende a CIG-Industria salientan a resposta “maioritaria e solidaria” do persoal do naval e fan fincapé en que se trata da terceira morte rexistrada no sector industrial da provincia de Pontevedra no que vai de ano e a terceira que ten lugar no naval dende 2022.

Diante disto, a central sindical forzou a convocatoria de Mesa do Naval para abordar as distintas problemáticas que padece o sector, en especial a alta sinistralidade, xa que ademais de accidentes mortais son habituais outros de menor gravidade.

Neste contexto, a central sindical insta as empresas a cumprir as medidas de seguridade e a garantir a formación do persoal en materia de prevención, mentres que á Inspección de Traballo esíxelle un maior control e vixilancia no sector e  que impoñe as sancións pertinentes en caso de incumprimentos. “É necesario potenciar a figura do recurso preventivo e un maior control da coordinación de actividades dentro dos estaleiros, así como rematar con calquera tipo de precariedade e esixir o cumprimento estrito do convenio colectivo”, rematan.

Volver