O comité denuncia a Albada na Inspección de Traballo pola falta de medidas de seguridade

A empresa pretende trasladarlle as responsabilidades en prevención ao Concello e á próxima concesionaria

A Coruña -

O comité de Albada (a través do comité de seguridade e saúde) presentou denuncia na Inspección de Traballo contra Babcok Kommunal e Técnicas Medioambientales TECMED SA, UTE (Albada) polos importantes riscos aos que están sometidos os traballadores e as traballadoras da planta de Nostián debido á falta de mantemento e á neglixente xestión da empresa. No escrito, o comité solicita da Inspección que abra investigación e obrigue a Albada a asumir a planificación da actividade preventiva e a adoptar todas as medidas correctoras que sexan necesarias para garantir a seguridade do seu persoal.

Albada leva meses ignorando as obrigas legais que ten en materia de prevención de riscos laborais,  pretendendo trasladarlle esta responsabilidade ao Concello da Coruña, como titular das instalacións, ou no seu caso á próxima empresa que resulte adxudicataria da concesión. Un proceso para o que, hai que lembrar, nin sequera están rematados os pregos de condicións.

En canto aos problemas denunciados, cómpre subliñar a existencia de chan irregular e charcos no interior da planta, que chove dentro das naves mesmo por enriba dos cadros eléctricos, filtracións de lixiviados ao chan dende as cintas, postos de traballo que están á intemperie cando deberían estar cubertos, un sistema de circulación bidireccional nos puntos limpos que facilita os riscos de atropelo ou estruturas improvisadas que comprometen a seguridade das instalacións e, polo tanto, do persoal.

Un equipo de aire sen reparar dende 2015

A isto hai que sumar que, nun escrito remitido ao comité, Albada recoñece que hai un problema serio de ruído e que se poderían adoptar accións para eliminalo, pero desenténdese das súas responsabilidades deixando a aplicación de solucións á vindeira concesionaria.

Boa conta do desleixo co que Albada leva procedendo en todo este tempo é que ten un sistema de detección de riscos moi graves que consiste en colocar unha tarxeta vermella no lugar no que se atopa un erro. A presenza da tarxeta implica a paralización da actividade nese sector ou equipo. Pois ben, a empresa colocou unha tarxeta vermella no ano 2015 para reparar un equipo de aire necesario para evitar o risco biolóxico, pero a día de hoxe o risco non foi subsanado e o aparato segue avariado. É dicir, Albada non só non atende a normativa xeral, senón que mesmo incumpre as súas propias normas en cuestións que considera moi graves.

Riscos para a saúde que se suman á perda de dereitos

O comité leva anos denunciando a falta de medidas preventivas e o mal estado no que se atopa a planta de Nostián pola falta de investimentos e de mantemento adecuado. Agora, o atraso inxustificado na licitación da nova concesión ofrécelle á empresa a coartada perfecta para desentenderse absolutamente das súas obrigas en materia de seguridade, xerando graves riscos para a saúde dos traballadores e das traballadoras.

Un abandono que se engade á perda de dereitos que o persoal está sufrindo dende hai máis de dous anos polo bloqueo da empresa á negociación do convenio colectivo, que primeiro deixou decaer e agora non quere renovar; e á brutal perda do poder adquisitivo, tendo en conta que o persoal leva cos salarios conxelados dende o ano 2013.

O comité urxe o Concello a licitar a concesión

Por iso, o comité reclámalle, unha vez máis, ao Concello da Coruña axilidade na elaboración e publicación dos pregos de condicións e que se proceda á licitar a nova concesión a unha empresa solvente, que realmente garanta os obxectivos de reciclaxe e recuperación marcados para a planta de tratamento de Nostián e que respecte os dereitos laborais das traballadoras e traballadores.

Volver