O comité de Servisar acusa o Concello de Santiago de ignorar as súas denuncias de deficiencias na empresa

Acusan á empresa de incumprir o convenio colectivo por non ter actualizado o salario co IPC

Compostela -

O comité de empresa de SERVISAR, S.L., empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Santiago, vén de manifestar o seu descontento coa empresa e co propio Concello de Santiago de Compostela, xa que tras ter rexistrados dous escritos nos que comunicaban a existencia de deficiencias notables neste servizo, así como numerosos incumprimentos do convenio colectivo vixente, e de ter solicitado unha xuntanza co concello, o pasado martes 19 de abril, para tratar estes temas de cara a atopar solucións, non recibiu, a día de hoxe, ningunha contestación.

Diversos incumprimentos do convenio colectivo

O comité denuncia que a empresa non está a aplicar a suba salarial recollida no convenio para o ano 2022, no que se establece que debe aplicarse o IPC do ano anterior desde o primeiro mes do ano.

Ademáis aseguran que a empresa está procedendo a descontar das nóminas de varias persoas traballadoras as horas non realizadas, o que é “totalmente ilegal e contrario ao establecido no convenio colectivo”, xa que estas horas terían que recuperalas coa prestación de servizos futuros. Unha situación da que a empresa responsabiliza ao comité, trasladando ás persoas traballadoras que este ten a culpa por “non permitir maior flexibilidade no cómputo da xornada”.

Tempo insuficiente para o cumprimento do servizo

O comité tamén solicita unha revisión das tarxetas de aparcar, xa que na realidade non se axustan ás necesidades do servizo.

A este respecto, tanto as persoas traballadoras como as usuarias do servizo de axuda no fogar, manifestan o seu descontento coa empresa debido a que ás primeiras non se lles dá o tempo necesario para o desprazamento entre os diferentes domicilios aos que teñen que acudir ao longo da xornada laboral, polo que as auxiliares de axuda no fogar vense obrigadas a recortar o tempo de atención ás persoas usuarias, o cal repercute negativamente na calidade so servizo.

Ao baixo prezo de abono do quilometraxe, que leva anos sen subirse, hai que engadirlle o aumento sufrido no prezo do combustible. Neste sentido o comité incide en que as persoas traballadoras desprázanse no seu propio vehículo, o que provoca que estean a sufrir un quebranto económico agudizado porque a empresa nin sequera está a aboar os desprazamentos que se producen o inicio e ao final da xornada, cando os domicilios das persoas usuarias atópanse ao longo de todo o Concello de Santiago. “Teñen distancias que, ao remate da xornada, superan os cincuenta quilómetros diarios que corren á conta do peto das auxiliares”.

Aumento da precarización so Servizo de Axuda no Fogar

 A este traballo que, lamenta o comité, “é moi precario, maioritariamente feminizado, con
moito persoal a tempo parcial, e cun recorrente menosprezo polas sucesivas empresas que collen o servizo cara ao traballo desenvolvido polas persoas traballadoras, hai que engadirlle á actitude da empresa SERVISAR cara a representación das persoas traballadoras”, xa que o comité, trasladoulle todo a anterior á empresa na última reunión para buscar solucións pactadas, sen atopar resposta favorable á ningunha das súas demandas.

Ademais o comité asegura que, tras outra xuntanza que tivo lugar na Inspección de Traballo, na que a empresa foi requirida polo Inspector para o cumprimento do convenio colectivo, esta, “lonxe de acatar dito requirimento, continúa coa súa teima de recortar dereitos ás persoas traballadoras”

Inicio de mobilizacións é posible convocatoria de folga

Dada a falla de resposta tanto do empresa como de Concello, o comité de de empresa non desbota a posibilidade de comezar con concentracións e manifestacións públicas para poñer en coñecemento da cidadanía a situación pola que están a pasar, solicitando dignidade neste traballo tan esencial, e o cumprimento do convenio colectivo, sen descartar tamén a posibilidade de convocatoria de folga se non se arranxan todos estes problemas.

Volver