O comité de empresa de Urbaser Santiago advirte do empeoramento do servizo da recollida do lixo e da limpeza viaria

A empresa reduciu peóns e brigadas, trouxo maquinaria de baixa calidade e camións que non se adecúan á configuración urbanística do municipio

Santiago de Compostela -

Transcorridos máis de dous anos da nova concesión do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, o comité de empresa de Urbaser Santigo de Compostela vén de denunciar publicamente o mal servizo que se está a prestar e o empeoramento sufrido na maioría dos traballos que se fan a diario.

No caso da limpeza viaria, sinalan que no anterior contrato esta facíase cun carriño de dous cubos e en brigada de tres ou catro operarios/as, e con varredoras mecánicas. Porén, no actual contrato elimináronse os carriños de dous cubos e puxéronse os dun único cubo "baixo a escusa de que pesan menos".

Sendo isto certo, apuntan que en realidade son moito mais incómodos porque non teñen o peso repartido. Ademais, ao ter un só cubo "non podemos separar os residuos que imos apañando -polo que teñen que ir todos para o contedor de resto- e redúcese a capacidade de traballo xa que hai que baleirar o dobre de veces". Doutra banda, coa eliminación das brigadas, a calidade da limpeza "é moito máis deficiente xa que o traballo que antes se marcaba para unha brigada agora márcase para un operario/a".

No relativo ás varredoras, con este novo contrato compráronse cinco máquinas novas, "pero de habitual están paradas xa que son máquinas moi sinxelas e de escasa calidade".

Camións que non serven para o servizo

No relativo á recollida de lixo, critican que "co novo contrato chegou unha nova maquinaria e un novo modelo de traballo". Pero a maioría dos camións que trouxo Urbaser "non se axeitan ás característica da cidade ou resultan máis incómodos para que o persoal cargue os residuos".

Así, os camións de carga lateral son demasiado grandes para unha cidade "que está composta de rúas estreitas e moito rural", mentres que os camións de carga traseira "só poden ser cualificados de despropósito". Denuncian que se incorporaron tres camións "demasiado altos e grandes" polo que se dificulta o traballo e o manexo diario e cinco camións pequenos "que realmente non sabemos para que poden servir e que están parados case sempre xa que non se adaptan para nada ao traballo diario".

A este respecto, explican que a Zona Histórica séguese a recoller cos camións da contrata anterior, algúns deles "con máis de 20 anos, a gasóleo, que perden residuos, aceites e o que é peor, son camións moi pesados".

Co novo contrato tamén se reduciu a un só peón a recollida de carga traseira e eliminouse o peón de carga lateral en varias rutas provocando con esta medida "que a persoa de traseira teña que  facer o dobre de esforzo e que na recollida de carga lateral se deixe todo ciscado ao desborde, xa que non se leva peón para facer ese labor".

Doutra banda, indican que o traballo nos puntos limpos de baleirado de caixas non se mellorou para nada, "convertendo nunha odisea diaria algo tan sinxelo como toldar unha caixa para levala o seu lugar de reciclaxe".

Mesmo persoal de hai 20 anos

Sobre o cadro de persoal critican que "segue sendo practicamente o mesmo, coa diferenza de que a cidade cambiou ao 100% con respecto a 20 anos atrás".

Outra práctica, alertan, que xa se facía no contrato anterior e que se continúa facendo agora "é baleirar as caixas do punto limpo do Concello de Ames con operarios/as e maquinaria de Santiago e en horas ordinarias de servizo".

Con respecto ao lavado de contedores "segue brillando pola súa ausencia. Están a saír a limpalos os compañeiros e compañeiras de Selursa con unha hidrolavadora cando hai na empresa dous camións para lavalos".

Tampouco se cumpriron os compromisos sobre os vestiarios: "a día de hoxe os vestiarios da Rúa de Arzúa continúan sen estar operativos e estamos a usar uns situados na Rúa Pitelos, que son do anos 90".

O comité subliña que todas estas cuestións foron trasladadas en repetidas ocasións ao Concello e á empresa concesionaria "facendo caso omiso dos nosos comentarios".

Volver