O comité de Albada reclámalle ao Concello da Coruña a publicación inmediata dos pregos ou que se faga cargo do persoal

Non descarta convocar folga ante o continuado deterioro das condicións sociolaborais e da planta

A Coruña -

O comité de Albada fará uso do escano cidadá no pleno municipal que terá lugar o vindeiro xoves 5 de abril para demandarlle ao Goberno da Coruña que aclare que plans de futuro ten para a planta de Nostián, que concrete en que estado se atopan os pregos da nova concesión e se estes incluirán os acordos laborais acadados co anterior Goberno. A representación do persoal explica que con esta intervención no pleno iníciase un novo calendario de actuacións ante a falta de solucións ao deterioro continuado da planta e a perda constante de dereitos sociolaborais, no que non descartan a convocatoria de folga.

"Dramática e angustiosa" foron os dous adxectivos utilizados por Hadrián Canosa, presidente do comité de Albada, para definir a situación na que se atopan os arredor de 120 traballadores e traballadoras da planta de tratamento de residuos de Nostián, cuxa concesión está en prórroga forzosa e sen visos de que a nova licitación estea lista antes de rematar a lexislatura.

Canosa lembrou que o anterior Goberno municipal tiña practicamente rematados os pregos e neste contexto, comité e Concello asinaron un acordo de garantías laborais que inclúe, entre outras cuestións, o mantemento das condicións de traballo e salariais segundo o convenio (agora decaído), mantemento dos niveis de emprego, máis estabilidade para o persoal eventual ou recoñecer o dereito de subrogación, tamén para o persoal as contratas.

Co cambio de goberno tras das eleccións municipais, a actual concelleira de Medio Ambiente comprometeuse a sacar os pregos antes do remate da concesión, o 31 de decembro de 2019. Porén, escusa tras escusa, a día de hoxe os pregos seguen sen publicarse e o comité á espera de ser recibido por Esther Fontán, logo de que en maio do ano pasado adiara a xuntanza que tiñan concretada.

"As traballadoras e traballadores de Albada estamos afeitos a que a empresa durante anos nos estivese maltratando. Pero cal é o motivo para que o Concello o faga tamén? Traballamos no lixo, pero non somos lixo", asevera o presidente do comité. Canosa apunta que "hai motivos máis que sobrados para que se lle de prioridade absoluta" á planta de Nostián tanto polo deterioro dos dereitos do persoal como pola situación "deplorábel" das instalacións.

Incumprimentos da empresa

A este respecto, o comité denuncia a permisividade con Albada, que está xestionando a planta en situación de prórroga forzoso despois dun período de 8 meses de intervención municipal, mais sen que o Goberno do PSOE lle esixa facer as reparacións e o mantemento adecuado.

Así, Canosa explicou que a limpeza das instalacións é moi deficiente; que o cartón e o plástico van parar ao vertedoiro pola falta de persoal; que a planificación anual preventiva  que fai a empresa está enfocada á nova concesión, nunha clara vulneración da lei de prevención; ou que hai un biodixestor paralizado dende hai ano e medio por unha avaría que segue sen ser reparada.

A isto súmase o incumprimento da sentenza do TSXG que lle ordena a Albada selar o vertedoiro, que xera gratuitamente lixiviados que van parar ao mar sen que o Concello lle esixa a empresa acometer de inmediato esta obra. A falta de selado, matizou Canosa, derivou na imposición de multas por parte da Xunta de Galiza que ascenden aos 80.000 euros. "Este motivo por si só debera ser máis que suficiente, non para sacar uns novos pregos de condicións, senón  para quitarlle directamente a concesión a esta empresa", afirmou o presidente do comité.

As traballadoras e traballadores de Albada estamos afeitos a que a empresa nos maltrate. Pero cal é o motivo para que o Concello o faga tamén? Traballamos no lixo, pero non somos lixo"

 No plano laboral, a representación social subliñou que os traballadores e traballadoras teñen os salarios conxelados dende o ano 2013 e están sen convenio dende o 31 de decembro de 2019, sen intencións por parte da empresa de avanzar nas negociacións. "A actitude de Albada co seu persoal é a de demostrar o seu máis absoluto desprezo por quen estivo durante todos estes anos xerándolle riqueza, eliminando todos e cada un dos dereitos conquistados até o momento, mesmo aqueles que foran recoñecidos en sede xudicial".

A empresa culpábel, o Concello cómplice

Canosa culpou desta desfeita á empresa, pero estendeu as responsabilidades ao Concello "por deixar pasar todos estes anos sen darlle unha solución". Por iso, demándalle ao Goberno que aclara que previsións ten para a planta de Nostián e para o seu persoal e se ten previsto remunicipalizar o servizo.

Unha demanda que o comité leva tempo facéndolle ao Concello ante os reiterados incumprimentos dos pregos, pois en 20 anos de concesión, Albada foi incapaz de acadar as cotas de reciclaxe esixidas "o que confirma que a xestión privada non mellora nada, se acaso empeora a xestión pública, e non mostra a menor sensibilidade, nin polos seus traballadores e traballadoras, nin polo medio ambiente".

Neste punto, Hadrián Canosa chamou a atención sobre o feito de que "os cartos cos que se financia a empresa son públicos, son dos veciños e das veciñas e estanse pondo en mans privadas, en mans de especuladores que non teñen como obxectivo reciclar mellor, senón gañar cada vez máis cartos". E, alertou, "mentres a todos e todas nos soben o recibo da luz de xeito desorbitado, esta empresa, que se financia cos nosos cartos, está a facerse de ouro aproveitando a especulación da electricidade, porque na planta de Nostián xérase electricidade co metano que se forma coa materia orgánica".

Por todos estes motivos, o presidente do comité insistiu en demandar axilidade na publicación dos pregos, ou que o Concello da Coruña se faga cargo do persoal a través da remunicipalización do servizo, para evitar que a planta se siga deteriorando e que Albada continúe recortando os dereitos dos traballadores e das traballadoras.

Volver