O comité da planta de reciclaxe de Lousame insta á Mancomunidade a que se tome en serio a súa xestión

O contrato que vincula á actual concesionaria, FCC, coa planta remata en catro días

Compostela -

O comité de empresa de FCC, concesionaria da planta de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos de Lousame, concentrábase onte, coincidindo coa celebración da Xunta da Mancomunidade do Barbanza, da que depende, para instala a que se tome en serio a xestión da planta. Segundo explica o representante da CIG, Paulo Rubido, “a situación é agónica”, por culpa da “desidia” da Mancomunidade. Unha situación diante da que o comité advirte que, de non se adoptar medidas, actuará en consecuencia.  

O contrato actual, que vincula a FCC coa planta de Lousame, remata o 23 de setembro, é dicir, dentro de 4 días. O comité vén advertíndolle, hai máis xa de catro anos –sendo presidente ao alcalde de Porto do Son-, á Mancomunidade da necesidade de elaborar os novos pregos e sacar a concesión da xestión da planta a concurso. Xunto a isto, vén demandando tamén a adecuación da planta á nova normativa que impón a UE, que implica o remate do modelo húmido-seco e poñer un quinto contedor só para residuos orgánicos.

Porén, explica Rubido, nos dous últimos anos nin a Mancomunidade, nin a empresa fixeron “absolutamente nada”. Neste sentido explica que hai aproximadamente 6 meses, FCC presentou unha proposta de prórroga do contrato, que implicaba un incremento de custos “bastante grande”. Unha proposta que, en todo caso, tampouco lle valía ao persoal porque contemplaba reducir o cadro, suprimir a quenda de noite e prescindir de parte do persoal de recollida.

O representante da CIG denuncia que, diante desa proposta a Mancomunidade nin sequera contestou. Tampouco se preocupou de articular unha alternativa. De feito nin se convocou unha Xunta nos dous últimos anos, sendo presidente o alcalde de Carnota.

En teoría, este luns estaba convocada unha asemblea, que foi suspendida, e unha Xunta, da que forman parte todos os alcaldes, que basicamente se centrou no nomeamento do novo Presidente, que lle corresponde agora ao alcalde de Brión. Pero, segundo Rubido, a proposta de prórroga a dous anos que a Mancomunidade anunciou nos medios de comunicación “é un brinde ao sol xa que, moito nos tememos que a empresa non vai aceptar porque xa anunciaron que non teñen intención de actualizar os prezos do servizo. Así as cousas a FCC vaille compensar optar pola prórroga forzosa, que comeza dentro de catro días e si contempla a actualización de prezos”.

Un mes de vida para o último vertedoiro

Por se foran poucos estes problemas que enfronta a planta, o último vertedoiro da empresa, onde se deposita o rexeitado logo do proceso de reciclaxe, ten “exactamente un mes de vida”. Diante disto, a empresa solicitou a construción dun vaso pequeno para depositalo que daría para seis meses máis. Porén tampouco a Xunta contestou e “se non teñen autorización da administración para facelo, desde o 22 de outubro non se pode depositar máis rexeitado na planta, co cal terían que levalo a SOGAMA, co conseguinte encarecemento de todo o proceso”, afirma o representante da CIG.

O anuncio da Mancomunidade de dar este problema por solucionado “é falso”, di Rubido. En calquera caso “xa non dá tempo a realizar as obras do vaso provisional, polo tanto, a Mancomunidade está obrigada xa a levar o rexeitado a SOGAMA durante un período temporal indeterminado”, engade.

Por outra banda, a Mancomunidade non ten, a día de hoxe, nin sequera os terreos para construír un vertedoiro para ese período de dous anos do que falan e que din que aproveitarían para a elaboración das plicas, o que vai provocar o colapso da planta.

Por iso o comité convocou onte unha concentración, para seguir demandando da Mancomunidade unha xestión efectiva da planta, instando ao novo Presidente a licitar a redacción dos novos pregos; a negociar coa Xunta a autorización inmediata do vaso provisional; a acordar coa empresa unha situación transitoria; a buscar os terreos para un novo vertedoiro e a garantir o emprego.

Volver