Nova concentración da CIG para esixir a mellora das condicións do persoal das residencias da terceira idade privadas
A central leva tempo reclamando a equiparación salarial e social coas persoas traballadoras dos centros públicos
Nacional -
Arredor dun cento de persoas traballadoras de residencias da terceira idade privadas de toda Galiza desenvolveron hoxe unha nova mobilización diante do edificio administrativo da Xunta en San Caetano convocadas pola CIG-Servizos para demandar a equiparación coas condicións salariais e sociais do persoal do sector público.
A protesta fai parte da campaña iniciada pola central sindical hai un par de anos para reclamarlle ao Goberno galego un convenio de equiparación para todo o persoal do servizo de residencias privadas da terceira idade, que é, tal e como explicou a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, “un servizo que está privatizado” e polo que a Xunta “paga a certas empresas”. Unha situación que, denunciou, “fai que a situación das traballadoras e das persoas residentes sexa peor”.
A CIG-Servizos entende que isto se pode solucionar “incrementando ratios e coa equiparación salarial e social das persoas traballadoras das residencias privadas coas das públicas da Xunta”. Deste xeito, o persoal podería ter menos xornada e máis salario, ademais de contar cun número de efectivos maior para poder xestionar mellor o servizo diario. “A Administración ten que sentarse a negociar o establecemento dunhas cláusulas nos concursos que contemplan os aumentos salariais e as melloras das condicións sociais”.
Precisamente co obxectivo de abordar estas e outras cuestións a central sindical ten solicitado en varias ocasións manter unha xuntanza cos conselleira de Política Social -a última hai xa máis de 20 días- sen que até o de agora teña obtido resposta por parte do departamento autonómico.
Ratios insuficientes
O número mínimo de persoas traballadoras que corresponden por cada persoa usuaria nunha residencia privada ou de xestión privatizada está regulada pola Xunta, que ten sen actualizar as ratios dende o ano 1996. Isto a pesar do avellentamento da poboación galega e do incremento das necesidades de atención nos centros. Pero a esta ratio desfasada hai que engadir que en moitos casos as empresas non cumpren nin sequera cos mínimos de persoal (especialmente nas categorías de xerocultora, enfermería e limpeza), xa que contabilizan como ratio o persoal que non presta atención directa.
A equiparación das residencias públicas coas privadas permitiría mellorar a situación porque mentres nas públicas hai unha ratio de 0.20 traballadoras/es por persoa dependente moderada e dun 0.35 por leve, nas residencias privadas, e mesmo nas de xestión privatizada, non se cumpre porque as empresas contan a atención non directa (como o traballo social, a animación, fisoterapia, etc) nestas ratios.
Esta falta de persoal suficiente tradúcese nunha atención en precario tanto no relativo ás condicións laborais como á calidade asistencial e en tempos dun máximo de oito minutos para lavar, vestir e erguer unha persoa dependente ou dar de xantar a 20 persoas dependentes en hora e media. Condicións que non garanten unha atención digna.
Negociación do convenio
Fernández considera que esta equiparación non lle custaría moito á Xunta porque, simplemente, tería que elevar esas subvencións para que as propias empresas que están levando eses servizos o implantaran no convenio colectivo.
Isto, lembrou, “xa se conseguiu en empresas tan importantes como as de limpeza hospitalaria, as cociñas dos hospitais ou o servizo de limpeza da Xunta, que teñen equiparación salarial co persoal laboral”. E esta sería a mellor solución dado que o Goberno galego impide que este sector sexa totalmente público, que é o que defende a CIG, para que quede “fóra das mans das empresas mafiosas e privadas que son as que están precarizando non só o convenio colectivo, que asinaron CCOO e UGT, senón tamén a calidade asistencial”.
Precisamente o sector das residencias privadas atópase inmerso nestes momentos nunha nova negociación do convenio, polo que na central sindical agardan que o proceso sirva para corrixir esta situación de precariedade, “porque do contrario convocaremos mobilizacións”.