Milleiros de docentes escenifican nas rúas de Compostela o enterro do ensino público galego

Nova mostra de dignidade e solidariedade no quinto día de folga dende o inicio do curso contra as políticas educativas da Xunta

Nacional -

Milleiros de docentes escenificaron este mércores o enterro do ensino público galego cunha manifestación que partiu do Parlamento e rematou no complexo administrativo da Xunta en San Caetano. No que xa é o quinto día de folga dende que deu comezo o curso 2025-2026, as organizacións convocantes quixeron lanzar mensaxes en positivo polo conseguido nestes tres meses de intensa mobilización que fixeron reaccionar a Consellaría. Pois, malia negarse a negociar coa maioría sindical, Educación anunciou que adiantará a negociación da baixada de ratios en secundaria e que o vindeiro curso haberá novidades a respecto da recuperación do horario lectivo.

Estas dúas cuestións, tal e como lembrou Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, supoñen unha emenda ao contido do acordo asinado hai agora dous anos e son froito da presión protagonizada polo profesorado.

Uns avances aos que se referiu o manifesto final ao sinalar a recuperación da dignidade profesional, que nos últimos anos de recortes e desprestixio por parte da administración tamén se lle intentou roubar ao profesorado. “Unha dignidade que se está traducindo en respecto e recoñecemento pola nosa profesión, non aínda por parte de quen nos goberna, pero si por parte da sociedade, sobre todo das familias e do noso alumnado. Neste tempo de mobilizacións fomos gañando a complicidade de moita xente que viu na nosa causa a súa causa”.

Apoio de ANPA e alumnado e unidade do profesorado

Nestas dúas xornadas consecutivas de folga foron moitas as ANPA que, aínda sendo en horario de mañá, acompañaron ao profesorado nas mobilizacións e transmitiron mensaxes de apoio; ao que igual que moito do alumnado, conscientes de que esta loita “é para que teña dereito á educación e á atención de calidade que merece”.

As representantes sindicais indicaron que o éxito da folga e das mobilizacións é ter conseguido a unidade do profesorado. “Fomos quen de rachar as paredes das salas de profesorado, dos colexios e institutos para levar as nosas demandas á rúa, aos medios de comunicación e ás conversas cotiás. Para todas as persoas que participaron activamente nestas folgas hai un antes e despois das mesmas e para as organizacións convocantes tamén”, aseverouse no manifesto.

 “Esta semana a palabra folga estivo moi presente nas mensaxes Abalar que recibiron familias e alumnado e o conselleiro nunca tanto tivo que responder a preguntas sobre as nosas condicións de traballo e os recortes no ensino público. Malia todos os intentos de dividirnos, de desgastarnos e de culpabilizarnos co tema das avaliacións estamos aquí en pé, por moito que lle pese á Consellaría”, engadiron.

Punto e seguido nas mobilizacións despois de facer reaccionar á Consellaría

Durante a marcha portáronse cadaleitos, candeas, esquelas e outra simboloxía mortuoria, xunto con cabezudos do presidente Rueda e do conselleiro Rodríguez. Houbo minutos de silencio, loito e toque de campás pero na intervención final as responsábeis da CIG-Ensino e do STEG quixeron deixar unha mensaxe optimista sinalando que “todo o esforzo e sacrificio que está facendo o persoal que secunda a folga e asiste ás mobilizacións non pode ser inútil e que o que está por vir ten que ser para mellor”.

Neste sentido animaron a que as mobilizacións desta semana sexan un punto e seguido, pois dende o primeiro día de folga o 25 de setembro, conseguíronse máis avances que nos dous anos transcorridos dende a sinatura do acordo no ensino. “A Consellaría négase a negociar coas organizacións maioritarias que representan ao profesorado e que convocan estas folgas pero está reaccionando adiantando a negociación da baixada de ratios en secundaria e abordando a recuperación do horario lectivo coas organizacións minoritarias”, salientaron.

Fóra da propaganda e as fotos estampando sinaturas, reiteraron que “como verdadeiramente se está condicionando o desenvolvemento do acordo é coas mobilizacións protagonizadas polo profesorado nunhas condicións moi adversas, con moitos factores en contra, pero coa forza da razón, como dixemos desde o comezo”.

“Quedémonos con esta mensaxe en positivo. Temos os obxectivos claros: recuperación de todo o que nos roubaron e que depende da Xunta: horario, pagamento do verán ao persoal substituto, complementos salariais, fondo de acción social, licenzas por formación retribuídas... e mellorar o ensino público ante os novos desafíos que se nos presentan que pasa pola redución de ratios e por maior persoal para atender á diversidade”.

“Porque é de xustiza, porque é o que garante unha sociedade igualitaria, inclusiva e diversa e porque está na nosa man conseguilo”, concluíron antes de cantar unhas coplas finais compostas especialmente para a ocasión dirixidas ao conselleiro Román Rodríguez.

Volver