Levántase o peche na UTE Acceso Porto Exterior tras acadarse unha serie de compromisos coa empresa
A Coruña -
Os membros do comité e a representación da CIG que permanecían desde ás 09:30h desta mañá nas oficinas da UTE Acceso Porto Exterior A Coruña, acordaron levantar o encerro por volta das 18:00h, logo de acadar o compromiso de que se apartará de maneira cautelar ao encargado da subcontrata responsábel dunha agresión racista nas obras e que se abrirá unha mesa de negociación con responsábeis de Sacyr para abordar o resto de problemáticas denunciadas.

Ao longo de todo o día fóronse producindo contactos coa dirección da UTE (formada por SACYR Construción, CAVOSA, Taboada y Ramos) que, nun primeiro momento se negou a tratar ningunha das cuestións trasladadas pola representación social: nin as referidas á agresión racista, nin ás relativas aos problemas de seguridade, goce de vacacións ou ao pago dos salarios e retencións. Só foi tras constatar a teima dos delegados de persoal e dos membros da CIG a non abandonar a medida de presión, que se abriu unha interlocución real con persoas con capacidade de decisión na empresa.
Finalmente, tras case nove horas de peche, acordábase abandonar as oficinas da UTE tras conseguir o compromiso da UTE de que a partir de mañá se procederá a apartar de maneira cautelar ao encargado da subcontrata TECOZAM que proferiu insultos racistas, ameazou e empurrou a un traballador da empresa principal.

Esta era unha das principais demandas, xa que transcorrido case un mes dende que se produciu a agresión racista e a pesar das reiteradas solicitudes do comité, a UTE fixo caso omiso e non adoptou ningunha medida, polo que o agresor continuou desenvolvendo as súas funcións nas obras e coincidindo acotío co traballador agredido.
Xunto a isto, fixouse unha reunión para o vindeiro luns na que participarán máximos responsábeis na empresa SACYR co obxectivo de abrir unha mesa de negociación na que tratar o resto de cuestións denunciadas polo comité e buscar solucións a todas estas problemáticas que se veñen arrastrando dende o inicio das obras do acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña.
Hai que subliñar que durante o tempo que durou o peche, os delegados de persoal recibiron diversas chamadas de traballadores e traballadoras queixándose de problemas de seguridade nas obras do túnel.
A CIG lamenta que nunha obra pública destas características haxa que recorrer a medias de presión deste tipo para que as empresas adxudicatarias atendan as demandas da representación social e se respecten os dereitos do persoal.