Irán: o laboratorio do caos (da Doutrina Monroe ao asedio de Teherán
Geraldina Colotti -
A loita de Irán únese á do pobo venezolano e cubano. É unha batalla pola supervivencia contra un sistema que só pode subsistir a través da destrución masiva. Defender estes polos de resistencia significa impedir que a fase total da Terceira Guerra Mundial borre calquera rastro de soberanía
Novamente, os «pasdaran» dos cartuchos de tinta tentan avalar a idea de que a agresión a Irán pode conducir mecanicamente a unha saída á esquerda da sociedade. Do mesmo xeito que en Libia, Iraq e Siria, búscase acreditar a tese de que unha intervención norteamericana se realiza en nome do progreso e non da destrución. Esta narrativa, que pretende presentar a agresión imperialista como parideira da democracia, ignora deliberadamente os cascallos fumegantes de Trípoli, Bagdad e Damasco, onde a promesa de liberdade se traduciu en mercados de escravos e estados fracasados.
A actualidade golpéanos coa crúa realidade da guerra total. Co inicio da operación sionista «León Ruxinte» e o apoio masivo da «Furia Épica» estadounidense, a agresión contra Irán cruzou o punto de non retorno. Os bombardeos sobre Teherán, Isfahán e Qom, xunto coa provocación directa contra a oficina do aiatolá Khamenei, finalmente martirizado, non son simples operacións militares, senón unha declaración de guerra aberta contra a soberanía dos pobos. Trump, ao anunciar a destrución da industria de mísiles e da mariña iraniana, actúa como o brazo armado dunha hexemonía que non tolera atrancos.
Para comprender a ferocidade deste ataque, é necesario decodificar os dous proxectos que hoxe se funden no sangue de Teherán e Gaza: o «Grande Israel» e o «Gran Medio Oriente». O proxecto do «Grande Israel» (Eretz Yisrael Hashlema) non é só unha pretensión territorial bíblica, senón unha estratexia xeopolítica de fragmentación. As súas bases modernas residen no Plan Yinon de 1982, que teorizaba explicitamente a supervivencia de Israel a través da «balcanización» do mundo árabe: a destrución dos estados-nación fortes (como Iraq, Siria e Irán) para reducilos a un mosaico de entidades débiles e en perenne loita étnica ou relixiosa. O que vemos hoxe é a aplicación terminal deste plan: o aniquilamento da resistencia palestina para a expansión definitiva máis aló de calquera fronteira legal.
A isto únese o proxecto estadounidense do «Gran Medio Oriente» (Greater Middle East Initiative). Lanzado pola administración Bush e hoxe radicalizado por Trump, este plan apunta a unha reestruturación total da área que vai desde o Magreb até as fronteiras con China. O obxectivo non é a democracia, senón a «compatibilidade neoliberal»: derrocar calquera goberno antiimperialista que rexeite o dominio do dólar e o control estadounidense sobre as rutas enerxéticas. Nesta visión, Irán representa o último gran alicerce de resistencia soberana que impide o peche do círculo unipolar.
A converxencia entre estes dous deseños crea unhas tenaces especulares á Doutrina Monroe de 1823. Se esta última consideraba a América Latina como o patio traseiro de Washington, o binomio Trump-Netanyahu proxecta a mesma lóxica de submisión sobre Asia Occidental. Irán, do mesmo xeito que Venezuela, Cuba e Nicaragua, é a anomalía sistémica que cómpre eliminar porque reivindica o control soberano sobre os seus recursos, algo vital mesmo para a estabilidade económica de potencias como China.
A imposición da política dos feitos consumados e a asimetría do poder son xa realidades que calcan fielmente o modelo aplicado a Venezuela. Trátase dunha estratexia de engano global: mentres en aparencia se finxía negociar e se abrían mesas diplomáticas, por baixo da mesa as centrais imperialistas preparaban a agresión militar e o secuestro dos recursos soberanos. A diplomacia, neste esquema, non é procura de paz, senón unha manobra de distracción táctica para desarmar o adversario antes do golpe de graza; algo que se sitúa nas antípodas da democracia de paz de Venezuela que, desde Bolívar até o presente, ten unha soa palabra e a cumpre.
Tras os frustrados intentos de «revolucións de cores» instigados pola CIA e o Mossad o pasado xaneiro, o imperialismo pasou ao ataque directo. Esta asimetría prodúcese tamén no secuestro de bens soberanos: o saqueo de Citgo no caso de Venezuela e o conxelamento das reservas de ouro son actos de pirataría política que corren paralelos ás sancións, verdadeiras armas de destrución masiva financeira que golpean os máis vulnerábeis, desde A Habana até Teherán.
O dato máis desacougante segue sendo a ausencia dunha oposición real en Occidente. As esquerdas liberais convertéronse nos departamentos loxísticos da OTAN, xustificando o masacre no nome dunha democracia que só exporta caos. Estamos mergullados nun sonambulismo nuclear que ignora os riscos dunha deflagración global: mesmo cando, como no caso de Italia, servimos de depósito de bombas nucleares para os Estados Unidos.
A resposta iraniana coa operación «Promesa Verdadeira-4» e os ataques ás bases estadounidenses en Udeid e en Alí Al Salem demostran que a resistencia é a única linguaxe que queda fronte a quen esnaquizou a Carta das Nacións Unidas.
O xenocidio en Gaza, cun saldo real que as proxeccións estatísticas elevan a centos de miles de vítimas, é o laboratorio desta nova orde. O secuestro político de Venezuela e da figura de Nicolás Maduro e Cilia Flores é o seu correlato latinoamericano: se non te pregas ao modelo extractivista, es borrado do mapa do dereito.
Hoxe, a loita de Irán únese á do pobo venezolano e cubano. É unha batalla pola supervivencia contra un sistema que só pode subsistir a través da destrución masiva. Defender estes polos de resistencia significa impedir que a fase total da Terceira Guerra Mundial borre calquera rastro de soberanía.
A fronte antiimperialista é o único dique que queda en defensa da paz con xustiza social. O pobo unido xamais será vencido, e só a unidade dos pobos baixo a bandeira de «Abaixo o imperialismo!» poderá acelerar a chegada dun mundo multipolar e soberano. E socialista.
[Artigo tirado do sitio web Resumen Latinomericano, do 1 de marzo de 2026]

