28 de Xuño: garantir dereitos, combater a desigualdade
A CIG reitera o compromiso a confrontar o odio e a hipocrisía dende os lugares de traballo
Nacional -
Ante a conmemoración do 28 de Xuño, Día do Orgullo LGBT, a CIG denuncia a falta de medidas efectivas para avanzar na igualdade real e reitera que a Lei 4/2023, no ámbito laboral, quedou reducida a simples cláusulas declarativas e á negociación dun protocolo de acoso. Así mesmo, rexeita a censura que a Xunta de Galiza pretende impor nas actividades complementarias no ensino público coa introdución do que denomina "neutralidade ideolóxica". A central sindical chama a participar nas mobilizacións convocadas para o próximo sábado por diversos colectivos en Galiza (AVANTE LGBT+, Alas, Nós Mesmas, Arelas, Orgulho Ourense...) e reitera o compromiso a exixir que se garantan os dereitos, combater a desigualdade, o odio e a hipocrisía dende os lugares de traballo.
Horas e lugares das mobilizacións
- A Coruña: sábado 28, na Praza de Ourense, ás 19:30h
- Compostela: sábado 28, na Praza 8 de marzo, ás 20h
- Ferrol: sábado 28, na Praza de Amada García, ás 12h
- Lugo: sábado 28, na Praza Horta do Seminario, ás 12h
- Ourense: venres 27, na Praza Bispo Cesáreo, ás 20h
- Pontevedra: sábado 28, manifestación, no Parque das Palmeiras, ás 20h
- Vigo: sábado 28, ás 20h A Dobrada
28 de Xuño: garantir dereitos, combater a desigualdade
Combatendo o odio e a hipocrisía desde os lugares de traballo
O pasado ano, a CIG denunciaba a fraude que representaba o daquela aínda proxecto de Real Decreto que desenvolvía a Lei 4/2023, de 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, porque entendía que todo o avance previsto na aplicación da lei no ámbito laboral se reducía a medidas simplemente declarativas nos convenios e non á negociación de medidas de cambio real, con propostas que deberían deseñarse conforme a realidade concreta de cada empresa tras realizar unha análise previa da situación nestas.
E efectivamente, todos aqueles aspectos que ficaban pendentes de desenvolvemento regulamentario, tras a aprobación o 1 de marzo do ano pasado da Lei 4/2023, quedaron reducidos a sete cláusulas declarativas e á negociación dun protocolo de acoso.
Naquel momento, a CIG xa alertaba de que non se contemplaba a obriga de realizar diagnósticos, enquisas de clima laboral ou outras ferramentas que permitisen identificar as problemáticas reais ás que se enfronta o persoal LGBTC+ en cada centro de traballo. Tampouco se avaliaba a capacidade real da organización para acoller con garantías a persoas deste colectivo. En definitiva, convertíase nun lavado de cara para as empresas sen garantir a igualdade real para as persoas traballadoras.
Que a fórmula escollida de negociación de medidas a través dos convenios era semellante a que o PSOE empregou no seu momento no ano 2007 para introdución nos convenios cláusulas dirixidas a garantir a igualdade de oportunidades (daquela entre mulleres e homes), que, a día de hoxe, 18 anos despois da entrada en vigor, non tivo unha concreción real, limitándose a estabelecer estas medidas principalmente nos plans de igualdade negociados no ámbito da empresa.
Unha vez máis, o Goberno do Estado, cos parabéns de UGT e CCOO, emprega un marco de negociación que atenta contra os ámbitos de negociación colectiva que non sexan os estatais, pese ao cal, poucas foron as convocatorias de mesas de negociación dos convenios realizadas dentro do prazo recollido na norma (tres meses), polo que na meirande parte dos casos, aplicáronse as cláusulas recollidas no RD, ficando nunha mera transposición dos mínimos recollidos na norma, única e exclusivamente, aplicando fórmulas declarativas que se ten máis que demostrado que non son efectivas.
Un exercicio de hipocrisía por parte dun goberno, o estatal, que anunciou unha norma revolucionaria a prol do dereito de autodeterminación das persoas, mais que na práctica foi descafeinando por mor de presións internas realizadas por militantes terfas ben posicionadas.
Porén, desde a CIG reafirmamos o noso compromiso sindical: tomaremos a iniciativa para esixir a negociación de medidas específicas nos centros de traballo, partindo dunha enquisa de clima laboral e integrando os protocolos existentes nun único documento que aborde todas as formas de acoso desde unha perspectiva interseccional, visibilizando e combatendo tamén o acoso por orientación sexual, identidade ou expresión de xénero, e características sexuais.
A CIG rexeita a “neutralidade ideolóxica” que quere impor a Xunta
Tamén nos opoñemos con firmeza á proposta do goberno do PP na Xunta de Galiza, de incorporar no ensino público o concepto de "neutralidade ideolóxica" nas actividades complementarias como "visitas didácticas ou charlas". Sometendo así o criterio dos centros educativos, á censura previa de inspección, interferindo politicamente na autonomía pedagóxica dos centros.
Hai que lembrar que esta proposta foi xustificada polo propio conselleiro de Educación afirmando que "se a min me gustan as patacas fritidas e a ti as patacas cocidas, trátase de non impor nin unhas nin outras"(comparando a diversidade con unha escolla entre patacas fritidas ou cocidas). E así, indicou, apóstase por "garantir a convivencia. "Non quere dicir que non se poña unha bandeira, mais hai que facelo cun respecto". Unha nova directriz da dereita máis españolista e reaccionaria para eliminar do ensino público a inclusión, a memoria democrática, a perspectiva de xénero, ou o respecto á liberdade de orientación sexual e identidade e expresión de xénero.
Desde a CIG exiximos ao goberno que tome medidas con carácter inmediato entre as cales está o cese do seu cargo a quen respalde este pensamento intolerante.
Por todo o exposto, porque todas as persoas temos dereito a ser e existir en igualdade de dereitos en todas as esferas da sociedade, e a que as organizacións políticas que teñen a obriga de representarnos así o garantan, a CIG fai un chamamento a que ante unha nova conmemoración o 28 de Xuño, abandonen a hipocrisía e a mercantilización dunha data combativa e reivindicativa como é a do Orgullo. Porque é noso compromiso e a nosa esixencia a de garantir dereitos, combater a desigualdade, o odio e a hipocrisía dende os lugares de traballo.
Novas relacionadas
