“Grupo ONCE, escoita, estamos en loita!”

Persoal de Ilunion clama contra a precariedade e a explotación laboral nos centros especiais de emprego

Vigo -

Representantes sindicais e traballadores/as de Ilunion Servicios Industriales Pontevedra, centro especial de emprego do grupo ONCE, desenvolveron esta semana dúas mobilizacións para denunciar a precariedade e a explotación laboral que padecen as persoas con capacidades distintas que desenvolven o seu labor nas principais compañías do sector da automoción viguesa. As protestas continuarán os vindeiros días 17 e 24 de novembro diante da sede da ONCE en Vigo de 10:45 a 11:45 horas.

Tras un mes de tregua no que estiveron negociando unha mellora salarial que finalmente non se aplicará porque Ilunion pretendía a cambio flexibilizar aínda máis a xornada de traballo, a representación da CIG no comité de empresa (10 de 17 delegados/as) decidiu retomar as protestas. Deste xeito, tanto o pasado martes día 8 como onte, xoves 10, un grupo de empregados/as e de representantes sindicais desenvolveron unha concentración ás portas da ONCE, na Gran Vía, onde despregaron unha faixa e berraron consignas como “Non á explotación da discapacidade” ou “Grupo ONCE, escoita, estamos en loita”.

Segundo explica Quique Fernández, da Executiva da CIG-Industria, aos 620 traballadores/as que Ilunion ten en Vigo aplícaselles o convenio estatal de Centros Especiais de Emprego, que contempla unhas condicións laborais e salariais precarias. Por iso, e a pesar de que realizan as mesmas tarefas que o persoal da empresa principal -Stellantis, Lear, Benteler ou Denso-, cobran o SMI e teñen a metade de dereitos.

De feito, denuncia que Stellantis ten externalizados até 400 postos de carretilleiros, montaxe e loxística a través de Ilunion que antes realizaba persoal contratado directamente pola antiga PSA Citroën e, polo tanto, a quen se lles aplicaba o convenio propio desta empresa.

Ante esta precarización do emprego disfrazada de integración laboral, a CIG iniciou unha campaña para esixir que a estes/as empregados/as se lles aplique o convenio do sector no que prestan servizo (neste caso o do metal da provincia de Pontevedra) ou que se negocie un convenio propio para o centro vigués.

Condenados/as á precariedade

Para denunciar a explotación que padecen, a CIG remitiulle recentemente un escrito á ministra de Traballo, Yolanda Díaz, xa que na última reforma laboral se establece que, en materia salarial, os convenios de empresa non poden ser inferiores aos de sector, e que no caso das subcontratas e contratas este persoal estará regulado polo convenio sectorial de aplicación. Pero, casualmente, o Goberno español excluíu da norma de maneira expresa os centros especiais de emprego, condenando a este persoal especialmente vulnerábel á precariedade absoluta a través da fórmula da subcontratación.

No caso de Vigo, estes/as empregados/as malia cobrar o salario mínimo teñen que aturar os elevados ritmos de traballo, a realización de horas extraordinarias e as xornadas irregulares na mesma medida que o resto do persoal das compañías da automoción. E iso a pesar de que, segundo o convenio dos centros especiais de emprego, a súa xornada máxima semanal é de 38,5 horas e non poden facer nin prolongacións da xornada nin ter unha distribución irregular das horas de traballo.

Ademais, non están sequera recibindo a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades distintas, tanto físicas como psíquicas.

Volver