Galiza pola Paz manifesta o seu rexeitamento ao aumento do gasto militar

Denuncia que Rueda anuncia que destinará fondos públicos a investimentos relacionados coa defensa sen competencias para iso

Nacional -

O goberno español vén de anunciar un novo e escandaloso aumento do gasto militar. Máis de 10.470 millóns de euros que se suman aos que xa se viñan destinando ao ministerio da guerra, para que este alcance un orzamento de 33 mil millóns de euros.

Despois de meses de mensaxes alarmistas e dunha política constante e consistente para predispor a opinión pública a aceptar estas medidas, o que fica claro é que tal cantidade de fondos para a denominada “defensa” non nos garante maior seguranza. Ao contrario, o único que asegura é que, en lugar de financiar servizos públicos e políticas sociais, os nosos impostos van ir parar aos petos das grandes empresas de armamento. Por riba, facelo catro anos antes do exixido demostra non só o grao de afinidade entre os intereses da OTAN e a axenda do goberno español, senón que deixa ver o desespero do propio Reino de España por que o resto de axentes imperialistas o tomen a serio. Lembramos que isto xa aconteceu durante os gobernos de José María Aznar, con nefastas consecuencias prácticas. Mentres se afirma que o obxectivo é aumentar a “autonomía estratéxica” da Unión Europea, a realidade que vemos é unha maior submisión aos intereses dos Estados Unidos que fecha portas a saídas diplomáticas e a acordos multilaterais.

Con todo, non se trata dunha política isolada. Aínda coas súas circunstancias particulares, este incremento inxustificábel fai parte dun proceso máis amplo de rearme xeneralizado da Unión Europea — por orde dos Estados Unidos e da OTAN — que supón a consolidación dunha axenda belicista que esnaquiza calquera posibilidade de paz e afonda na precarización das clases populares, co perigo de encamiñarnos, pola porta de atrás, cara a unha economía de guerra permanente. Mentres se afirman compromisos coa educación, a sanidade ou a vivenda, a realidade que nos poñen acima da mesa é a militarización acelerada da vida, sen debate público nin o menor espazo ao control democrático.

Resulta aínda máis grave que, neste contexto, o Ministerio do Interior formalizase a compra -aínda que agora se anuncie a súa revogación- de 15 millóns de balas a empresas israelitas en medio a un xenocidio en curso, nun acto de complicidade criminal que é tamén unha sangrante contradición entre o que se di e o que se fai. O Estado español, lonxe de actuar como suxeito de paz, sitúase abertamente do lado dos verdugos, dos invasores e dos que exercen o xenocidio e a ocupación como forma de vida. Do mesmo xeito rexeitamos que a esta obsesión militarista se sume o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co seu anuncio de destinar, sen competencias para iso, fondos públicos para investimentos relacionados coa defensa.

Diante desta situación, desde a Plataforma Galiza pola Paz, reafirmamos a denuncia do que esta deriva significa para o noso país. Rexeitamos o uso do territorio, das instalacións e dos recursos do pobo galego para exercicios militares, escalas e adestramentos, ou como subministros para a industria da guerra. Rexeitamos, máis unha vez, que isto se faga de costas ao pobo galego, que ten expresado historicamente a súa repulsa ao militarismo e ao imperialismo. Esta situación demostra, unha vez máis, as consecuencias da nosa falta de soberanía nacional e os perigos que implica seguir ligados ás políticas de guerra do Estado español.

O futuro da humanidade non pode estar fundado na destrución. O único camiño posíbel é o da paz, a cooperación entre os pobos e o respecto á soberanía das nacións.

Por iso:

  1. Esiximos a paralización inmediata do aumento do gasto militar.
  2. Demandamos a saída do Estado español da OTAN.
  3. Chamamos á mobilización social contra a guerra, contra o imperialismo, contra os que fan da morte o seu negocio.
  4. E reclamamos para Galiza o dereito a decidir libremente o seu papel no mundo, sen imposicións externas nin obrigas cómplices co imperialismo.

Pola paz

Contra a guerra

Contra a OTAN

GALIZA POLA PAZ

Volver