Folga indefinida no mantemento das zonas verdes de Vigo ante os incumprimentos en materia laboral e salarial

A UTE encargada do servizo ten que contratar máis persoas a tempo completo e pagar o plus de 20 euros

Vigo -

A práctica totalidade do cadro de persoal do servizo de mantemento das zonas verdes do Concello de Vigo decidiu na asemblea celebrada o pasado venres convocar folga indefinida o vindeiro luns 19 de abril ante os incumprimentos en materia laboral e salarial por parte da UTE adxudicataria do servizo, Zonas Verdes de Vigo, formada por Acciona Medio Ambiente-Mantén.

Dende a federación de Servizos da CIG, central sindical que preside o comité de empresa, sinalan que a UTE está a incumprir o prego de condicións do concurso, que obriga a contratar a máis persoas a tempo completo. “O propio alcalde presumiu nos medios de comunicación, pero só fixeron contratos parciais de tres días e de 15 horas, en lugar de toda a xornada”, denuncian. Isto, ademais de ao persoal, afecta á empresas que non se presentaron ao concurso precisamente pola obriga de ter que facer máis contratacións, “e agora a UTE non respecta o prego”. 

A UTE está a modificar os horarios do persoal sen preaviso e sen negociación

Ao mesmo tempo, estase a producir un incumprimento no pago dos salarios, xa que até o día de onte non estaban aboando o plus de 20 euros ao mes.

Outra irregularidade ten que ver coa liquidación entre empresas, tendo en conta que o convenio obriga á que sae e á que entra a pagarse entre elas para que o persoal non vexa reducidas as liquidacións, “pero o que fixeron foi pagarlle a liquidación conxunta, non respectando o convenio”.

Ademais, a UTE modifica os horarios do persoal sen previo aviso e sen negociación. “A empresa pretende utilizar a covid para cambiar horarios e establecer horarios de inverno e verán, cousa que non teñen no convenio de aplicación”. Neste senso, dende a CIG-Servizos denuncian que este cambio de horarios “á carta” vulnera o dereito de conciliación de todo o cadro de persoal.

Por todo isto, amosan o seu apoio á folga indefinida que decidiron convocar os traballadores/as do servizo de mantemento das zonas verdes e insisten en que a UTE ten que respectar tanto o convenio colectivo como o prego de condicións. Finalmente, lembran que o comité de empresa xa lle trasladou todas estas cuestións aos responsábeis municipais.

Volver