Folga de media xornada no metal de Pontevedra para rexeitar o convenio da traizón

A CIG celebrará asemblea comarcal de delegados/as e manifestación en Vigo e concentracións en Pontevedra e Vilagarcía este mércores 12

Pontevedra/A Coruña -

A federación de Industria da CIG vén de convocar unha folga de catro horas no sector do metal da provincia de Pontevedra o mércores 12 de maio para rexeitar o convenio colectivo que veñen de asinar os sindicatos CCOO e UGT e as patronais Asime, ATRA e Instalectra. A central denuncia que o acordo supón “unha nova traizón sindical” que precariza aínda máis as condicións laborais no sector, especialmente as do persoal eventual ao eliminar o pago da cláusula de eventualidade mes a mes.

A CIG puxo en marcha unha ofensiva contra o convenio do metal nada máis coñecerse que CCOO e UGT negociaran fóra da mesa co empresariado e chegaran a un acordo dous días antes de que se fixese efectiva unha convocatoria de folga no sector, prevista para o 22 de abril. O primeiro que fixo a central sindical foi convocar unha asemblea de delegados/as do metal para analizar o contido dun acordo que empeora incluso a última proposta da patronal e decidir a folla de ruta que comezou cunha protesta diante da sede de Asime o 4 de maio.

A CIG tamén convocou unha manifestación polo futuro do sector naval o vindeiro día 19

Ao remate da mobilización, o secretario comarcal da CIG-Industria de Vig o, Xulio Fernández, anunciou a convocatoria do paro de media xornada, que coincidirá coa celebración na cidade dunha asemblea de delegados/as de toda a bisbarra. Ao mesmo tempo, a central sindical ten organizada tamén unha manifestación en Vigo o 19 de maio o lema “Salvemos o naval. Polo futuro industrial da comarca de Vigo”.

A marcha, coa que se pretende denunciar o proceso de desertización industrial, simbolizado na grave crise que atravesa o naval, arrincará do cruce da Dobrada ás 18:00 horas. Esta non será a última mobilización que a central sindical ten prevista, e aproveitarase a asemblea do día 12 para anunciar as seguintes.

Durante a mobilización diante de Asime, o responsábel da CIG-Industria de Vigo explicou o xeito en que os sindicatos estatais e as patronais do sector consumaron “unha nova traizón” aos traballadores/as do metal e repasou os aspectos máis lesivos que contempla o acordo, ao tempo que denunciou a estratexia de CCOO e UGT de pechar en falso os convenios facendo concesións que precarizan as condicións laborais e renunciando a “dereitos históricos” conquistados grazas á loita da clase traballadora.

Hoxe venderon a cláusula de eventualidade; que van vender mañá cando non queda nada? A nosa diginidade? A nosa propia vida?”, preguntouse. Por iso chamou os empregados/as do sector a facer unha demostración de forza e a seguir acumulando para cambiar a correlación de forzas nas empresas. “Hai que ter claro a quen se vota nas eleccións sindicais”, sinalou. 

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, fixo fincapé en que a loita obreira é o único ca miño para conquistar melloras laborais e sociais. “Nada nos foi regalado nunca, nin co pacto social nin nada, foi sempre foi coa loita”. Por iso chamou a seguir mobilizándose "para deixarlles moi claro que non imos permitir un ataque desta magnitude aos nosos dereitos”.

A FOLGA CELEBRARASE NOS SEGUINTES HORARIOS:

  • Quenda de mañá: as catro últimas horas da mañá.

  • Quenda de tarde: as catro primeiras horas da tarde.

  • Quenda de noite: de 2:00 a 6:00 horas (día 12 de maio).

  • Xornada partida: as dúas últimas horas da mañá e as dúas primeiras da tarde.

Ademais, durante a xornada levaranse a cabo distintas mobilizacións:

En Vigo haberá unha asemblea comarcal de delegados/as ás 09:30 horas na esplanada de Bouzas. Ás 11:30 horas sairase en manifestación até a delegación da Xunta.

Pontevedra: concentración ás 12:00 horas na praza da Peregrina.

O Salnés: concentración ás 12:00 horas na rúa Castelao de Vilagarcía.

Novos paros por un convenio digno na limpeza da Coruña

Diante da actitude “desprezativa e insultante” da patronal do sector de limpeza de edificios e locais do convenio da provincia da Coruña, o comité de folga anunciou novas xornadas de paro para os días 11 e 12 de maio, ampliando ademais o ámbito da convocatoria ao sector de limpeza equiparado da administración pública galega: as instalacións da Xunta de Galiza, o Parlamento galego, o Valedor do Pobo e o campus universitario de Santiago de Compostela.

Malia a xornada de folga do pasado día 22 de abril, a patronal mantén a pretensión de suprimir do convenio o dereito a incrementar a xornada e a xubilación parcial, ademais duns incrementos salariais do 0% para 2020 e do 1% para 2021, relegando á máis absoluta precariedade a miles de mulleres que traballan, maioritariamente, a tempo parcial. Unha proposta “impresentable” e “inadmisible” que combaterán até conseguir a dignificación das condicións laborais.

Volver