Éxito da cuarta xornada de folga no metal da provincia da Coruña, que xa adianta novas mobilizacións

Malia a rotunda resposta dos/as traballadores/as, a patronal mantén o seu inmobilismo

A Coruña/Ferrol/Compostela -

O metal da provincia da Coruña está desenvolvendo este xoves o cuarto día de folga en demanda dun convenio digno para o sector. Esta xornada pon final ao actual calendario acordado, mais diante do inmobilismo da patronal, as centrais sindicais xa avanzaron que a folga continuará e mesmo se intensificarán as mobilizacións para esixir un convenio con dereitos e que garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios.

Nesta cuarta xornada de folga, que rexistra un seguimento similar ao dos días anteriores, na comarca da Coruña os piquetes informativos estiveron no polígono de Alvedro e diante das instalacións de Kimak e posteriormente a CIG-Industria celebrou unha asemblea de traballadores e traballadoras no edificio sindical para avaliar a folga e que camiño seguir.

Mentres en Ferrol, os piquetes desenvolvían a súa actividade dende ás 5:30 diante dos estaleiros e nos polígonos e por volta do mediodía, o persoal en folga saía en manifestación dende a porta principal de Navantia no Esteiro até a sede da Confederación de Empresarios de Ferrolterra. A este mobilización tamén se sumaron traballadores e traballadoras da empresa pública naval, que previamente tiveran unha asemblea no interior do estaleiro.

En Compostela, os piquetes informativos reuníanse sobre as 8:00 horas no Polígono do Tambre para saír até as portas do concesionario de Pérez Rumbao. Contra do mediodía, os traballadores e traballadoras en folga fixeron unha manifestación polas rúas do parque empresarial reclamando un convenio digno.

Malia o rotundo éxito desta primeiro calendario de folgas, a patronal mantén o seu inmobilismo e non retomou contactos coa representación social. Ante esta falta de movementos, a CIG-Industria xa avanza que nos próximos días se reunirán os sindicatos para trazar un novo calendario de mobilizacións máis intenso, que se levará as asembleas do persoal para a súa aprobación.

Neste senso, os secretarios da CIG-Industria da Coruña, Ferrol e Compostela, Eduardo Caamaño, Vicente Vidal e Benedicto Blanco, reclamáronlle novamente á patronal que retire a súa última proposta e se aveña a negociar nos termos da plataforma sindical, “porque o sector xa deixou ben claro co seguimento masivo da folga e das mobilizacións que non vai asumir un convenio que non garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e que recorte dereitos consolidados”.

De igual xeito, a federación de Industria da CIG advirte que hai puntos irrenunciábeis para este convenio como son a revalorización anual dos salarios referida no IPC real, ampliar o dereito de subrogación para todo o persoal sen distinción ou limitar a contratación a través de ETT, demandas estas últimas que teñen por obxectivo frear a precarización laboral do sector.

Non queda outro camiño que a loita

A CIG-Industria chama a todos os traballadores e traballadoras do siderometal da provincia da Coruña a loitar e incrementar a participación nas folgas e mobilizacións que se acorde convocar “porque só dando unha resposta contundente contra as pretensións da patronal, poderemos acadar un convenio colectivo digno e con dereitos. Non queda outro camiño que loitar”.

Volver