Éxito da cuarta xornada de folga na Carpintería en demanda dun convenio digno

Ao berro de "patronal escoita, estamos en loita", o persoal concentrouse diante de Comercial Malasa en Cambre

A Coruña/Ferrol/Compostela -

Baixo a consigna "se sobe o IPC, os salarios tamén", traballadores e traballadoras do sector da Carpintería e Ebanistería da provincia da Coruña concentráronse este xoves diante de Comercial Malasa en Cambre, en demanda dun convenio colectivo digno. Facíano coincidindo coa cuarta xornada de folga no sector, que está resultando un éxito de seguimento e unha rotunda resposta á intransixencia da patronal, que teima nas súas propostas de miseria.

Por iso, e ante a falta de avances nas negociacións que permitan acadar un acordo satisfactorio para o novo convenio, a FCM-CIG xa avanza que o conflito continuará á volta das vacacións de agosto "até lograrmos un convenio digno".

Neste senso, a federación de Construción e Madeira da CIG subliña a enorme resposta dada polos traballadores e traballadoras á convocatoria da folga tendo en conta que o sector levaba case 40 anos sen mobilizarse.

Porén este amplísimo seguimento, a patronal mantén enriba da mesa unha oferta económica totalmente insuficiente, por canto pretende que o persoal renuncie a parte da revisión salarial de 2021, perdendo o 3,4% do poder adquisitivo e dos atrasos. E ademais manter a perda a futuro, ao fixar a revisión do IPC acumulado a final do convenio, impondo o tope do 5% de atrasos e que se perciban en 2026.

Un deterioro salarial inasumíbel cando este non é un sector en crise, senón que ten unha gran carga de traballo, e cando o persoal leva cos soldos conxelados dende 2019 mentres a carestía da vida medra imparábel, até o punto do IPC de xuño superar xa o 10%.

Pero ademais, a patronal nin sequera oferta un plus de quendas xusto, segue sen querer regular as condicións do persoal montador desprazado, nin introducir xa no articulado do convenio a creación das categorías técnicas, malia seren unha realidade dende hai anos en case todas as empresas.

Diante desta postura inmobilista e intransixente, a FCM-CIG aposta por seguir e mesmo incrementar o conflito para lograr un convenio que garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e supoña melloras reais nas condicións laborais do persoal. De aí que na protesta deste xoves os traballadores e traballadoras repetiran incansábeis: “patronal escoita, estamos en loita”.

Volver