Día Mundial da Liberdade de Prensa

Paula Castro -

Non hai máis que dar unha volta, a diario, polas páxinas dos xornais que se publican en Galiza para constatar como, de forma sistemática, as organizacións sociais ven agochada ou relegada a súa voz a espazos tan ínfimos que as súas opinións apenas son percibidas, ou simplemente non existen

Multitude de textos internacionais -desde a Declaración Universal de Dereitos Humanos, o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, a Convención Europea para a Protección dos Dereitos Humanos e as Liberdades Fundamentais ou a propia Constitución española- consagran a liberdade de expresión, de opinión e de prensa. A importancia destes dereitos é tal que para que un sistema sexa considerado democrático ten que recoñecelos, incorporalos ao seu propio ordenamento xurídico e comprometerse a protexelos.

 Porén, a liberdade de expresión, e sobre todo, de difusión de ideas é permanentemente vulnerada no noso contorno, poñendo en cuestión o propio funcionamento democrático dun sistema que se define como tal. Porque do lado destes principios están tamén, ao mesmo nivel, o dereito a recibir información e a que esta sexa, ademais, veraz, así como o pluralismo. Principio que só se fai realidade se as diferentes ideas, pensamentos e opinións son difundidas. E cando isto non ocorre, estásenos arrebatando ao común dos mortais o dereito a contrastar e, polo tanto, a decidir entre diferentes opcións.

 Non hai máis que dar unha volta, a diario, polas páxinas dos xornais que se publican en Galiza para constatar como, de forma sistemática, as organizacións sociais ven agochada ou relegada a súa voz a espazos tan ínfimos que as súas opinións apenas son percibidas, ou simplemente non existen. E para confirmar tamén como as informacións, e case os titulares, se repiten creando unha sorte de imaxinario único no conxunto da prensa galega.

 Os medios de comunicación son os que deciden cales son os feitos noticiábeis e a súa relevancia. Pero cando se dá tal abraiante coincidencia nos temas a tratar e, sobre todo, a non tratar, cómpre buscar unha explicación. As respostas son múltiples: desde a cada vez maior concentración de cabeceiras nas mesmas mans, no caso da prensa escrita, até a cada vez maior dependencia económica das subvencións, publicidade institucional e, en consecuencia, das decisións do poder político.

 Unha situación que se repite no sector audiovisual, onde uns poucos grupos de comunicación emiten desde diferentes plataformas unha mensaxe unificada, convertendo, no plano político, o pluralismo nunha sorte de contenda a nivel estatal, entre dúas únicas opcións válidas con todas as demais só como aderezo para completar o pastel destas.

Verdade e imparcialidade?

 Pero hai máis, a prensa véndese como “imparcial” e enarbora o dereito á liberdade de prensa confundíndoa á mantenta coa liberdade de empresa. Fala da verdade, agochando que o que nos presenta como tal é a súa verdade, cando fronte á mesma realidade as análises son necesariamente diversas.

 A situación, agás honrosas excepcións, é xeneralizada en Galiza onde aos grandes grupos empresariais que operan no plano español se suman pequenos grupos cuase familiares galegos situados ideoloxicamente, todos ou case todos, no mesmo espectro.

 Galiza como realidade non existe. A nosa lingua, proscrita ao longo do ano, só aparece os 17 de Maio, como algo folclórico que hai que empregar por obriga e para xustificar así, de paso, as subvencións que reciben polo seu uso case exclusivo nesa data.

 O pluralismo de ideas está desaparecido, chegándose ao punto de confundir as páxinas das seccións de “Galicia” dos xornais cos gabinetes das consellarías. Non digamos xa nos medios públicos da radio e televisión de Galiza.

 Sen pudor ningún a súa “verdade” pasa por minimizar o nacionalismo político e sindical, a defensa de dereitos individuais e colectivos, a lingua e as vizosas manifestacións culturais, desde as tradicionais ás máis contemporáneas que agroman en cidades e vilas do noso país e, sobre todo, por agochar a diversidade ideolóxica decretando así a morte das ideas.

Por iso resulta curioso que esa mesma mediática se sorprenda cando caen, cada vez máis, os números dunha audiencia cansa da manipulación informativa da que é vítima. Cando corren máis nas redes as imaxes obtidas por un rapaz co seu móbil na rúa que a información que, sobre o mesmo acontecemento, eses medios emiten.

 É ben certo que este cambio no paradigma informativo que antes eles monopolizaban é caldo de cultivo para o que deron en chamar fake news, ou sexa, noticias falsas. Pero iso é xusto o que fai esta mediática cando repite de forma absolutamente acrítica a información falsa emitida por algún representante institucional, sen aportar contraste ningún.

 Se imos ao fondo, a situación é máis grave. Non só se perverte e manipula desde as páxinas dos xornais a historia da humanidade para adaptala ás necesidades do seu discurso. O capitalismo desalmado, obsesionado pola acumulación de riqueza a custo da vida humana, precisa que se censure calquera idea que cuestione a súa verdade. E isto ben se pode confirmar cando mentres a ultradereita si ten foco informativo, quen está do lado contrario, non.

 Por iso é moi bonito falar da liberdade de prensa, pero non nos equivoquemos, cando iso dicimos estamos falando en realidade de liberdade de empresa, que é casualmente capitalista e de dereitas e que vai defender con uñas e dentes unha única realidade, a que lle garante máis e máis beneficios.

 

[Santiago de Compostela, 3 de maio de 2024]

Volver