Desconvocan a folga na limpeza dos centros de saúde de Pontevedra-Salnés unha vez que o Sergas rescindiu o contrato con Linorsa

A CIG vixiará o proceso concursal da empresa para garantir que as traballadoras/es cobren os salarios e as débedas pendentes

Vigo -

O Sergas comunicou hoxe, coincidindo coa segunda xornada da folga convocada pola CIG na limpeza dos centros de saúde das comarcas de Pontevedra e do Salnés, a rescisión do contrato con Linorsa. Nada máis coñecer a decisión a central celebrou unha asemblea, na que as traballadoras/es decidiron de xeito maioritario suspender o paro. A partir de agora a federación de Servizos vixiará o proceso concursal da empresa para garantir que o cadro de persoal cobre os salarios e das débedas pendentes.

O anuncio da rescisión do contrato con Linorsa foille anunciado ao comité de folga polo propio director de Recursos Humanos do Sergas durante a xuntanza que mantiveron ao mediodía nas instalacións do departamento autonómico en Pontevedra. Previamente, os piquetes informativos percorreron distintos centros de saúde, nunha nova xornada de folga que estaba a ter un seguimento masivo.

Nada máis coñecer a decisión, a federación de Servizos celebrou unha asemblea coas traballadoras/es, que de xeito maioritario apostaron por suspender o paro convocado até o vindeiro domingo. A decisión foi adoptada unha vez que o Sergas accedeu a cumprir unha das principais esixencias do persoal, como era a rescisión do contrato coa empresa.

A partir de agora a CIG permanecerá vixiante co proceso concursal aberto na compañía, que mantén importantes débedas con Facenda e coa Seguridade Social, para garantir que as emrpegadas/es cobren os salarios e as débedas pendentes.  

Volver