Desconvocada a folga na limpeza do CHUF ao chegar a un acordo con Serveo para reforzar o persoal

Ferrol -

As tres xornadas de folga no servizo de limpeza do CHUF quedaron desconvocadas ao acadarse un acordo coa empresa concesionaria, Serveo, polo cal se compromete a reforzar de inmediato o cadro de persoal con seis novas contratacións. O comité destaca que, logo de meses de inmobilismo patronal, o acordo foi posíbel grazas á determinación das traballadoras e dos traballadores do servizo a mobilizarse e levar adiante unha folga de tres días.

O presidente do comité, Marcos del Río (CIG), explica que o acordo se basea nos seguintes puntos:

– aceptar por parte da empresa a proposta do comité de folga de realizar 6 contratacións indefinidas.

– aceptar por parte da empresa reforzar o cadro de persoal con novas contratacións nos casos de ampliacións de superficies a limpar posteriores á data do acordo.

– aceptar por parte de Serveo que a redución de traballo se acorde co comité.

Deste xeito, salienta, recóllense as demandas fundamentais das traballadoras e traballadores para reducir no inmediato a sobrecarga laboral que veñen arrastrando, poder atender o servizo de limpeza coa calidade que require un hospital e que isto non lles supoña un prexuízo enorme ao persoal sobre as súas condicións de saúde.

Hai que lembrar que no último contrato do servizo, de maneira inexplicábel, reducíronse o número de horas presenciais ao tempo que se aumentou a superficie a limpar. Diante disto, o comité reclamou un reforzo do cadro de persoal para evitar este sobreesforzo continuado, e ante a negativa da empresa a facer novas contratacións, a asemblea de traballadoras/es apostou pola convocatoria de tres xornadas de folga os días 17, 18 e 19 de febreiro.

Por iso, para o comité chegar a este acordo foi posíbel pola valentía e a determinación de todo o persoal a mobilizarse na defensa dos seus dereitos.

Volver