Desconvocada a folga da recollida de lixo de Narón ao acadarse un preacordo de convenio

Narón -

A asemblea de traballadores e traballadoras de Urbaser Narón ratificaba por unanimidade na noite deste luns o preacrodo acadado coa empresa para o convenio colectivo e, polo tanto, proceder á suspensión da folga indefinida que ía comezar ás 05:00 horas deste martes 25 de abril.

Lograr este preacordo foi posíbel, explica o secretario da CIG-Servizos de Ferrol, Francisco Cartelle, toda vez que a empresa se abriu a negociar incrementos salariais para os anos 2020, 2021 e 2022, nos que pretendía manter a conxelación das retribucións. "Finalmente haberá un incremento de 750 euros, dos que 450 euros serán nunha paga extraordinaria e 300 euros serán consolidábeis, o que fai unha suba adicional de 1,5%", sinala.

Ademais, para os anos 2023 e 2024 a empresa asumiu un incremento dun 1% máis para 2023 (que se suma ao 2,5% que xa ofertara) e do 0,5% para 2024 (a sumar ao 2% previo) , "o que levaría a un incremento total próximo ao 9,5%".

Na reunión de onte tamén se conseguiron melloras no ámbito social, que Urbaser até agora se negaba a valorar, como un día adicional de vacacións, aumentar o fondo de axuda escolar e a póliza de accidentes, a contía dos complementos de festivo, melloras nas horas e licencias para acompañamentos médicos de fillos/as menores e na acumulación da lactación. En canto aos días de asuntos propios, un deses días deslígase do absentismo e o resto poderanse gozar, a partir deste convenio, unidos a calquera día laborábel excepto no período vacacional.

Este preacordo, matiza Cartelle, "é o mínimo que a asemblea tiña formulado para poder proceder á desconvocatoria da folga". Neste senso, valorou de maneira moi positiva a unidade de todo o persoal "que participou ao 100%" nas accións realizadas previamente á convocatoria da folga.

Ao tempo, apuntou que a asemblea de persoal foi moi crítica coa actuación do Concello de Narón "no sentido de que se desentendeu por completo deste conflito e na busca dunha solución". De feito, unhas horas antes da reunión coa empresa, os traballadores e as traballadoras realizaron unha concentración ás portas da Casa do Concello para reclamar a mediación do Goberno local e rexeitar os servizos mínimos impostos.

Volver