Denuncian atrasos no pago das nóminas do persoal do Servizo de Axuda no Fogar de Pazos de Borbén

A CIG reclámalle ao Concello que formalice o contrato coa nova concesionaria para subrogar as traballadoras/es

Pazos de Borbén -

A representación da CIG no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Pazos de Borbén denuncia que o cadro de persoal, integrado por 11 traballadoras/es, leva dende o mes de xaneiro cobrando os seus salarios con atraso. Dende a central sindical reclámanlle ao Goberno local que formalice o contrato coa nova concesionaria para proceder á subrogación das empregadas/os.

A adxudicataria do servizo dende o ano 2007, Pedroso y Rojas (Saluvi), está a ingresar tarde os soldos, até o punto de que as últimas traballadoras/es en cobrar recibiron a nómina de outubro onte mesmo, quedando pendente o salario de novembro. 

A CIG sostén que se a nova empresa concesionaria non asume o servizo ten que renunciar ao contrato, e que o Concello asuma a xestión directa

Ademais, a empresa tampouco estaba a abonar nin a quilometraxe nin o tempo efectivo de desprazamento entre os domicilios, polo que no mes de marzo a CIG decidiu presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo.

Posteriormente celebráronse eleccións sindicais na empresa, escolléndose unha delegada de persoal da CIG, tras o que se consigue solucionar a cuestión do tempo de desprazamento entre domicilios. Pero os problemas co atraso no pago dos salarios continúan a día de hoxe, polo que a representación sindical anuncia que no caso de que non se resolva esta problemática nun prazo máximo de 15 días non desbotan unha convocatoria de folga.

Tampouco descartan iniciar unha recollida de sinaturas diante do consistorio xunto coa CIG en apoio das traballadoras/es deste servizo esencial que se encarga do coidado de persoas maiores e dependentes.

Ao mesmo tempo denuncian que a pesar de que no mes de outubro procedeuse a adxudicar o servizo, a nova concesionaria, Idades SL, aínda non se fixo cargo do mesmo polas débedas coa Seguridade Social que mantén a anterior empresa -que ascenden a 100.000 euros- e polos atrasos salariais pendentes. Xa que canto máis tempo pase máis se vai incrementar a débeda, a pesar de que a anterior concesionaria ten embargados os cobros do Concello por parte da Seguridade Social.

Xuntanza co alcalde

Pedro Pérez, da CIG-Servizos, explica que o pasado venres día 26 mantiveron unha xuntanza co Goberno local na que participou o propio alcalde, Andrés Iglesias, e na que se lle informou da situación que padece o persoal do SAF. Ademais, trasladóuselle a necesidade de que o Concello sufrague os EPI que até o de agora teñen que asumir as traballadoras/es xa que a empresa non os subministra, “ao que se negaron”.

Por iso dende a central sindical demándanlle ao Goberno local que garanta a saúde e seguridade das empregadas/os e que se faga cargo dos EPI. Ao tempo que demandan a formalización do contrato con Idades SL para que subroguen de xeito inmediato o persoal, ou en caso contrario que renuncien ao servizo e que sexa o propio Concello o que se encargue da súa xestión de forma directa.

“O Goberno local non pode desentenderse desta situación porque é o responsábel da adxudicación do servizo, primeiro a unha empresa pirata e despois a unha empresa irresponsábel que non asume un servizo cun orzamento de 1,2 millóns de euros en dous anos”.

Volver