Denuncian a precariedade no sector da hostalaría e reclaman un convenio digno
CIG, CCOO e UGT concentráronse esta mañá en Compostela para exixir que o incremento de beneficios no sector redunde en mellores condicións laborais
Nacional -
O sector de hostalaría está en loita. Esta mañá CIG, CCOO e UGT mobilizáronse para denunciar a precariedade. Non é a primeira vez, nin será a última. Cuestionan a unha patronal que viu como medraban os seus beneficios, mentres os salarios e as condicións laborais seguen sendo pésimas.

Así o explicou esta mañá o secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, Roberto Alonso, quen lembrou que “a patronal aumentou os prezos, de forma significativa, en todos os produtos, tanto restauración, hostalaría, hoteis, ten ao persoal aturando unha enorme sobrecarga de traballo, pero malia incrementarse os beneficios non repercutiron nada nas condicións salariais deste colectivo”.
Alonso rexeitou os argumentos da patronal cando di que non encontra xente para traballar no sector. “Non é porque a xente non queira traballar” explicou, “senón porque as condicións son bastante pésimas, como, por desgracia, a fama que ten este sector desde sempre”.
O que reclaman, ademais de mellorar a situación económica, é que se inclúan pluses como, por exemplo, por traballar en festivos e domingos, que non se cobran neste sector.

Xunto a isto demandan que se facilite a conciliación de vida laboral coa familiar, inexistente até o de agora. “Reivindicamos que o persoal teña un fin de semana libre ao mes, pero tamén a isto a patronal di que non”.
Por iso seguirán mobilizándose para conseguir un convenio digno, porque a realidade das persoas traballadoras do sector é: salarios que apenas superan o SMI, xornadas abusivas, falta de descansos e ameazas de recortar dereitos como o complemento por Incapacidade Temporal. “Non se pode pretender atraer nin reter persoal cualificado nun sector que cronifica a precariedade e converte a saúde laboral en moeda de cambio. As altas taxas de baixas por lesións musculoesqueléticas, estrés e fatiga crónica confirman que as condicións actuais son insostibles”.
Novas relacionadas
