Delegadas da CIG nas residencias DomusVi Ferrol e Laraxe denuncian graves situacións de acoso e sobrecarga laboral

Ferrol -

As delegadas das residencias do grupo DomusVi da comarca de Ferrol compareceron estes mércores con rolda de prensa para denunciar publicamente a situación laboral que están a padecer as traballadoras, sendo especialmente grave o acoso sindical e laboral ao que está sometido o persoal do centro de Laraxe (Cabanas).

Así, o primeiro que quixeron destacar foi "o noso malestar pola actitude das e dos responsábeis da dirección e organización destes centros, xa que, lonxe de tentar buscar un clima axeitado de traballo, están a forzar as traballadoras a soportar unha carga de traballo e un nivel de estrés, non só físico, senón tamén psicolóxico, inaceptábel".

No caso da residencia DomusVi Ferrol, denuncian en concreto o "despotismo da coordinadora do centro". A responsábel comarcal do sector na CIG-Servizos, Beatriz Fernández, subliña que, ademais da incorrección coa que desenvolve o seu traballo como coordinadora, esta persoa "dedícase a insultar, berrar e menosprezar as traballadoras do centro, e por riba diso, a mentira é o seu modus operandi".

A esta "nefasta situación", contribúe unha dirección que malia coñecer estas actuacións "non sabe, non quere ou non pode poñer freo a esta situación. Mentres somos as traballadoras as que estamos a sufrir os seus desquicios".

Acoso laboral e sindical en Laraxe

No relativo á  residencia que DomusVi ten en Laraxe, "a gravidade do acontecido é tal que imos presentar denuncias por acoso sindical e laboral contra as persoas responsábeis do centro". A situación que alí se está a vivir, describe Fernández, "é propia doutros tempos. O director Paulo Naseiro, dirixe o centro como se fora o seu 'cortijo' e como tal funciona".

Alerta dos comportamentos machistas e de amiguismo que "imperan" neste residencia e que provocan que o clima de traballo sexa insoportábel. Así, a concesión dos días de libre disposición, o dereito ao goce das licencias retribuídas ou a distribución da carga de traballo non se rexen polo dereito laboral "senón que se conceden ou non en función de se es afín a empresa". Ademais, e isto tamén será denunciado na vía xudicial, "as horas sindicais das delegadas, desaparecen".

Nunha reunión convocada a pasada semana para tratar toda esta problemática tras as actuacións da Inspección, a dirección de Laraxe non deixou que a asesora da CIG entrara á xuntanza, só permitindo o acceso das delegadas do centro. A xuntanza finalmente non se celebrou, explica Fernández, e "casualmente recibimos hoxe, ás oito da mañá, unha nova convocatoria (con data do día 13) para unha reunión mañá xoves. Á que obviamente imos acudir porque nós o que queremos é que se resolvan os problemas, pero moito nos tememos que haxa poucos avances".

A dirección territorial coñece a problemática pero non actúa

A situacións nestas residencias, engade, "é coñecida e consentida por María Melón Castro, directora rexional de Recursos Humanos Norte (da que seguimos agardando que nos reciba) e polo director territorial de operacións, Pedro Fernández Miguélez". Este é irmá da ex conselleira delegada do grupo DomusVi, Josefina Fernández, quen tivo que deixar o cargo tras unha desastrosa xestión das residencias durante a pandemia que derivou en que varias das residencias do grupo tiveran que ser intervidas pola Xunta de Galiza.

DomusVi pretende ser un referente no sector das residencias de maiores a conta da explotación laboral do seu persoal"

A CIG-Servizos, ao longo destes últimos anos, presentou numerosas denuncias na Inspección de Traballo polos incumprimentos laborais e salariais de DomusVi, tanto no relativo á imposición dos calendarios de traballo e das vacacións como polas irregularidades nas compensacións do traballo en festivo e os días de libre disposición. Neste senso, apuntaron que a día de hoxe, en Laraxe aínda están sen calendarios.

Falta persoal e merma a atención ás persoas usuarias

"DomusVi pretende ser un referente no sector das residencias de maiores a conta da explotación laboral do seu persoal o que repercute na atención e nos coidados que prestamos ás persoas usuarias. Pero isto  semella que non importar moito aos responsábeis do grupo", critica Fernández, quen chama a atención sobre a falta de persoal en ambas residencias, tanto nas categorías de xerocultoras como de enfermería. No caso de Laraxe, xa foi denunciada a falta de persoal de enfermería na quenda da noite, que se pretende suplir con persoal sen a titulación adecuada.

A este respecto, Fernández salienta que as pésimas condicións laborais e o maltrato por parte da empresa levan a que o persoal, "no canto de dedicarnos a coidar ás e aos usuarios como precisan e merecen, teñamos que pasar o día loitando contra uns miserentos aos que pouco parece importarlles o día a día nos centros".

Diante desta realidade, a CIG aclara que non tolerará estes abusos "e denunciaremos publica e xudicialmente esta situación" todas cantas veces sexan necesarias.

Volver