Folga no siderometal de Ourense os días 28 e 29 de setembro por un convenio digno

Se non hai avances na negociación, a folga terá carácter indefinido partir do 5 de outubro

Ourense -

A asemblea de traballadores e traballadoras do siderometal de Ourense celebrada na tarde do martes acordou convocar folga os días 28 e 29 de setembro en demanda dun convenio colectivo digno que garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e recolla melloras laborais e sociais reais. Ademais, se a patronal teima no seu bloqueo á negociación, a folga (que afecta a todas as empresas e centros de traballo da provincia que se rexen por este convenio) terá carácter indefinido a partir do 5 de outubro.

O secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, cualifica de histórica esta decisión da asemblea, tendo en conta que hai máis de dúas décadas que no se convocaba folga no sector por parte das tres centrais sindicais (CIG, CCOO e UGT). Esta unanimidade, sinala, reflicte a fartura dos traballadores e das traballadoras "fronte a unha patronal inmobilista, que actúe con chulería e prepotencia e que non se moveu nin un milímetro da súa primeira proposta".

Unha proposta que, explica Gómez, está moi afastada das reivindicacións da parte social e malia "o esforzo que fixemos na reunión da pasada semana para tentar chegar a un acordo e evitar o conflito, a patronal non se moveu nin fixo contraoferta, limitando a suba salarial ao 4% para os distintos anos de vixencia do convenio (2022-2024)".

Esta contía, advirte o secretario da CIG-Industria de Ourense, non garante nin sequera o mantemento do poder adquisitivo, tendo en conta que o IPC de agosto xa superou o 10% e a previsión é que continúe á alza. "Neste escenario de medre da carestía da vida, a patronal quere aproveitar a suba de prezos para incrementar os seus beneficios", denuncia.

Fronte a esta suba de miseria, as centrais sindicais demandan un incremento do 6,5% para os anos 2022 e 2023, e do 5% para o ano 2024, cunha cláusula de revisión salarial e que os atrasos se perciban dende o 1 de xaneiro. Xunto a isto, piden 1 día máis de libranza sen consolidar para 2022 e un día a maiores para cada un dos seguintes anos, estes si consolidados.

A patronal cae no mesmo erro que na Coruña

Diante deste escenario de negociacións estancadas, que para a CIG-Industria levan rotas xa dende maio polo inmobilismo patronal, a asemblea de traballadores/as decidiu convocar dúas xornadas de folga en setembro e, de non producírense avances que permitan chegar a un acordo definitivo para o convenio, retomar a folga o 5 de outubro, pero xa con carácter indefinido.

Gómez advirte ás empresas do erro que están cometendo, “tropezando na mesma pedra na que tropezaron na Coruña, onde levaron ao sector a conflito e remataron asinando un convenio que recolle as xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores”.

Por iso, a CIG-Industria chama a todos os traballadores e traballadores do metal da provincia a secundar masivamente a folga e as mobilizacións que se convoquen porque "é fundamental que amosemos á patronal a nosa determinación de loitar até conseguir algo tan básico como manter o poder adquisitivo nun momento de suba disparada dos prezos, porque empobrecernos para que as empresa se enriquezan máis, non é unha alternativa”, conclúe.

Volver