Convenio da hostalería da Coruña: nin subas dignas, nin inclusión do persoal repartidor nas táboas, nin equiparación automática do axudante

A Coruña -

A CIG non asinou o convenio de hostalaría da provincia da Coruña, entre outras cuestións, porque non garantía o poder adquisitivo dos salarios ao pactar unhas subas inferiores ao IPC. Agora, publicado no BOP do 22 de decembro, compróbase que o texto definitivo aínda empeora o preacordo, ao non incluír dous temas chave para combater a precariedade do persoal repartidor e a fraude nas categorías.

Así, CIG-Servizos denuncia que as partes redactoras "esqueceron" incluír a nova categoría de persoal repartidor nas táboas salariais e deixaron sen traspor un dos acordos máis importantes da negociación dada a fraude nas categorías: isto é, que aos dous anos de antigüidade o persoal "axudante de" sexa salarialmente equiparado ao persoal cociñeiro e camareiro.

Este desleixo xerará disputas innecesarias sobre os salarios do persoal repartidor, alén de abandonar até a próxima negociación un dos puntos chave e menos polémicos durante os tres anos de negociación, como era a equiparación salarial mencionada.

A CIG advertiu por carta destas eivas ao mediador e aos sindicatos asinantes, mais as alegacións non foron respondidas, dando por bo CCOO e UGT o texto máis favorábel á patronal. Para a CIG-Servizos da Coruña este desleixo das dúas centrais españolas na redacción do convenio constitúe "unha proba máis da pobreza da capacidade de xestión nas responsabilidades que asumen".

Volver