Continúa a folga en Alsa Ferrol ao non producirse ningún avance na reunión coa empresa

Ferrol -

Os traballadores e as traballadoras de Mitours (empresa do grupo Alsa) continuarán adiante coa folga indefinida iniciada o pasado 15 de xullo, ao non producirse ningún avance na reunión mantida esta mañá coa dirección. O persoal critica a nula vontade negociadora da compañía e reclama a intervención inmediata da Xunta de Galiza como responsábel do servizo de transporte de viaxeiros/as por estrada.

A xuntanza, explica o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, durou apenas media hora e durante esta, a empresa limitouse a pedir a desconvocatoria da folga sen  achegar ningunha garantía de que aplicará o convenio provincial, nin compromisos de respectar outros acordos laborais.

"Agardábamos poder avanzar nun acordo, pero foi imposíbel. A empresa non fixo máis que solicitarnos a desconvocatoria da folga, á espera de que a Xunta lle mellore o contrato e  logo xa decidirá se negocia con nós algunha mellora das condicións laborais e salariais", denuncia. Pastoriza cualifica a actitude do grupo Alsa como unha burla a todos os traballadores e traballadoras que levan máis de 50 días en folga pelexando polos seus lexítimos dereitos.

Lembra que o persoal de Maitours (que xunto con Intercar forma a UTE que presta o servizo de transporte en autobús de Ferrol e comarca) está reclamando que se lle aplique o convenio provincial de transporte de viaxeiros/as por estrada da Coruña, ao igual que se lle aplica ao resto de compañeiros e compañeiras do sector.

A este respecto, Pastoriza salienta que a última reforma laboral obriga a que se pague polo convenio provincial e non polo convenio de empresa que Alsa lle aplica ao persoal de Maitours (o da extinta Tranvías de Ferrol), "porque os salarios non poden ser inferiores aos do convenio provincial do sector".

Porén, a empresa segue escudándose nunha sentenza anterior a esa reforma, ditada a raíz do conflito colectivo presentado contra Maitours, que recoñece que o convenio regulador ten que ser o provincial, pero deixa a materialización deste cambio á súa publicación no BOP. Por iso, outro problema engadido, apunta Pastoriza, é que malia estar todo pactado, a patronal provincial está dilatando de maneira inxustificada a sinatura do convenio.

En todo caso, o representante da CIG indica que as táboas salariais xa foron publicadas no BOP "polo que entendemos que unha vez feita pública a parte económica do convenio tería que facerse efectiva de inmediato a súa aplicación en materia de salarios, antigüidade, dietas e demais para o persoal de Maitours".

Porque ademais de non percibir as subas recollidas no convenio provincial, o persoal de Maitours tampouco ten recoñecidos conceptos como dietas ou antigüidade. Isto supón que un traballador con 18 anos de antigüidade está a cobrar arredor duns 1.200 euros brutos, o que provoca unha diferenza de entre 400 e 600 euros co resto do persoal ao que se lle aplica o convenio provincial.

A isto hai que engadirlle outros incumprimentos como que Maitours non compensa os festivos traballados (nin en cartos en tempo de descanso); que lle segue aplicando o convenio de Tranvías ao persoal de recente incorporación, o que constitúe "unha clara ilegalidade" xa que o marco regulador de referencia é o convenio colectivo provincial; ou que incumpre sistematicamente o acordo para a realización dos servizos imprevistos, dificultando así o descanso e a conciliación da vida laboral e familiar.

Ante a falta de avances e a negativa de Alsa a negociar, a folga e as mobilizacións continuarán adiante. Neste punto, a CIG demanda a intervención urxente da Xunta de Galiza, que dende o inicio do conflito permanece desaparecida a pesar das súas responsabilidades, para garantir que se cumpra a lexislación laboral e se respecten os dereitos dos traballadores e das traballadoras.

Volver