Condutores de Arriva advirten do mal estado da flota de autobuses

A Coruña -

Un grupo de condutores de Arriva concentrouse este xoves na estación de autobuses da Coruña para denunciar publicamente o mal estado da flota de vehículos, pedirlle á empresa que poña solución para evitar os riscos na seguridade viaria e demandarlle tamén á Xunta de Galiza maior control sobre o cumprimento dos pregos dos contratos do transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada.

O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, advertiu que a flota de autobuses está envellecida e non cumpre cos parámetros marcados nos pregos, xa que se estipula unha antigüidade de 6-8 anos, cando os autobuses de Arriva "teñen unha media de 12 anos".

Contar con autobuses desta antigüidade require dun maior mantemento "que non se está a realizar porque a empresa non ten dimensionados os talleres para a actual flota, composta por uns 150 autobuses. Necesitaría moito máis persoal nos talleres para facer o mantemento adecuado". Este é un dos motivos, engade Pastoriza, polo que as avarías nos vehículos son continuas e non é estraño ver autobuses parados nas estradas.

"Entendemos que é unha cuestión que cómpre solucionar de inmediato porque está en risco a seguridade viaria. Non se pode agardar a que haxa un accidente con vítimas", advirte. A representación social xa tratou este problema no comité de seguridade en diversas ocasións, "pero a empresa non arranxou nada". Ante esta falta de actuación, o persoal acordou convocar esta primeira mobilización.

Porén, Pastoriza matizou que esta problemática non é exclusiva do Grupo Arriva, senón que situacións similares se dan noutras grandes empresas do sector como Monbus ou Alsa. Por iso, reiterou á demanda á Xunta de Galiza para que estea vixilante e actúe ante o incumprimento dos pregos de condicións.

Volver