CIG-Servizos denuncia atrasos no pago das nóminas do persoal de seguridade dos centros de Política Social

O contrato está adxudicado á empresa Mersant Seguridad

Nacional -

A CIG-Servizos quere denunciar o atraso no pago das nóminas aos traballadores e traballadoras do servizo de seguridade privada dos centros de menores e residencias da Xunta de Galiza. A preocupación entre o persoal de Mersant Seguridad, que ten adxudicado o contrato, vai en aumento polas informacións a respecto da falta de liquidez da empresa.

Cando saíu o concurso, a CIG-Servizos xa advertira á Xunta de Galiza da insuficiente dotación orzamentaria do contrato e que o prezo de saída da licitación raiaba a baixa temeraria. Por este motivo, a maioría das grandes empresas do sector non participaron e só presentaron ofertas as empresas de seguridade coñecidas como "de baixo custe".

"As consecuencias destes concursos a baixo prezo, como sempre, acaban pagándoas os traballadores e as traballadoras, pois a compañía deixa de ter liquidez, os bancos non avalan e non conceden créditos e o persoal non cobra os salarios", denuncia a CIG-Servizos.

Mersant Seguridad conta en Galiza con arredor de 70 traballadores/as que fan tarefas de seguridade para a Consellaría de Política Social (como o Centro de Menores Santo Anxo de Rábade, centros de reeducación de menores de Ferrol, Vigo e Ourense, residencias LUG, algunhas residencias de maiores e varias residencias xuvenís ou as casas do Mar de Celeiro e Burela). A maiores, en Lugo ten outro contrato co CETAL no que tamén hai cinco traballadores que teñen pendente de cobrar os seus salarios.

 Cómpre lembrar que hai uns anos os traballadores de seguridade dos centros de Política Social en Lugo tiveron que estar acampados preto de 90 días diante do edificio da Xunta de Galiza a causa dos impagos e a negativa doutra empresa do sector a subrogar o persoal.

Diante disto, a CIG-Servizos demandalle á  empresa que proceda ao pago inmediato das nóminas, que aclare cal é a súa situación financeira e presente un plan de viabilidade que dea tranquilidade ao persoal. De igual xeito, a central sindical reclámalle á Xunta de Galiza que deixe de licitar contratos en baixa temeraria e adxudicarlle servizos "a este tipo de empresas pirata que só buscan obter un beneficio inmediato a conta de explotar os traballadores e traballadoras".

Volver