CIG-Servizos convoca unha protesta pola situación do persoal de Seguridade Privada en “Norvik Security Services”

O 20 de setembro, ás 12:00 horas, no acceso a REGANOSA e Forestal do Atlántico, en Ferrol

Ferrol -

A CIG-Servizos vén de convocar unha nova concentracións diante de REGANOSA e Forestal do Atlántico, en Ferrol, para o vindeiro día 20 de setembro, ás 12:00 horas. A central sindical denuncia a situación do persoal de seguridade Privada da empresa “Norvik Security Services”.

A Federación de Servizos da CIG continúa a organizar accións en protesta pola situación do persoal de Seguridade Privada que está a traballar no control de accesos a  REGANOSA, Forestal do Atlántico e GADISA entre outras. Desta volta coa convocatoria dunha concentración para o vindeiro venres día 20 do presente mes, ás 12:00 horas na rotonda de acceso a REGANOSA e Forestal do Atlántico.

A CIG-Servizos denuncia que a empresa acaba de subrogar a todo o persoal tras marchar a empresa que cualifica de “infausta” G&F&S SECURITY GROUP, que “abandonou pola porta de atrás os servizos contratados no país debido a unha máis que esperable falta de solvencia, levando consigo innumerables demandas e denuncias ás súas costas”.

A situación actual coa nova empresa non mellorou as condicións de traballo do persoal, atopándose varias persoas traballadoras na situación de Incapacidade Temporal e sen cobrar a prestación, e quedando aínda cantidades por liquidar das anteriores empresas (PROSETECNISA E GFS). “Todo isto provoca unha treboada perfecta nos servizos de seguridade privada que xestiona esa empresa”.

A CIG-Servizos adianta que seguirá a denunciar “o tempo que sexa preciso” a situación deste persoal, “asoballado polas empresas que xestionan os servizos de seguridade privada das empresas do Sr. Tojeiro”. Anuncia próximas accións das que informará no seu momento.

Volver