A CIG reclama a readmisión do traballador despedido por Elis Manomatic por ser unha clara represalia sindical

Cerceda -

Persoal de Elis Manomatic (multinacional francesa que se dedica á lavandería industrial) concentrouse o pasado venres diante das instalación da empresa no Polígono de Acevedo (Cerceda) para reclamar a readmisión do compañeiro inxustamente despedido. Para a CIG-Servizos estamos ante unha clara actuación represiva, xa que o compañeiro foi candidato da central nas eleccións sindicais e o seu despedimento prodúcese despois das denuncias da CIG na Inspección de Traballo a causa dos incumprimentos laborais.

Mario Díaz, da CIG-Servizos da Coruña, indica que a decisión empresarial carece de calquera sustento xurídico, polo que xa está recorrido na vía xudicial. Engade que este despedimento constitúe unha evidente represalia contra a central nacionalista e un intento obvio de amedrentar o resto do cadro de persoal para que non reclame os seus dereitos.

"Ante a denuncia da CIG na Inspección de Traballo polos incumprimentos nos horarios laborais da maioría do persoal condutor, a empresa reacciona despedindo a este traballador, que casualmente se presentou ás eleccións sindicais na candidatura da CIG pero non resultou elixido", subliña Díaz.

A CIG-Servizos rexeita a actitude antisindical da empresa que ademais leva anos incumprindo de maneira sistemática a normativa laboral e vulnerando os dereitos do seus persoal. Por iso, Díaz reclama a reincorporación inmediata do compañeiro e advirte que a CIG seguirá defendendo os dereitos dos máis de 60 traballadores e traballadoras deste centro de traballo.

E neste senso, lamenta a actitude do resto de membros do comité "que practican un sindicalismo de salón, pero á hora da verdade non actúan na defensa dos intereses dos seus compañeiros e compañeiras".

Volver