A CIG denuncia na Inspección as manobras de coacción de Gadis para que o persoal non secunde a folga deste venres

A empresa fixo charlas informativas nos centros de traballo, preguntou de maneira individual quen ía secundar o paro e realizou cambios organizativos para evitar o impacto da folga

A Coruña -

A CIG, xunto con outros sindicatos, vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo da Coruña contra Mercartabria e Gadis Retail (grupo Gadis) polas manobra que a empresa está a desenvolver nos distintos centros de traballo da provincia co obxectivo de coaccionar e amedrentar o persoal para que non secunde a xornada de folga convocada para mañá, venres 29 de maio, pola falta de avances na negociación do convenio do comercio de alimentación.

Tanto no almacén loxístico como nas tendas, a compañía distribuíu panfletos e enviou a mandos intermedios e persoas con alta responsabilidade para que fixeran charlas co persoal nas que se lle describe un suposto clima de violencia e ameazas por parte da representación sindical que non existe, chegando a cuestionar mesmo a legalidade da convocatoria de folga, e nas que se lles trasladou o desagrado da empresa cara ás persoas que secundasen a folga, insinuando posíbeis consecuencias negativas.

Máis vixilancia privada

Esta campaña foi seguida da instalación masiva cámaras de vixilancia na entrada nas tendas (na maioría dos casos enfocando zonas públicas) e da contratación de numeroso persoal de seguridade exclusivo para o día da folga, coa intención de crear un clima de enfrontamento e suposta violencia totalmente fantasioso.

Ademais, os mandos preguntaron de maneira sistemática e individual a cada persoa traballadora pola súa intención de ir á folga para así poder reorganizar as quendas laborais e redistribuír o persoal entre os distintos centros de traballo. Xunto a isto, Gadis fixo cambios organizativos de grande impacto, como cambiar o día do pedido das tendas, alterando as rutas dos camións e os días nos que se recibe a mercadoría nos supermercados.

Cambios organizativos

No caso do almacén, dende a convocatoria da folga, Gadis pediu que se fixeran horas extraordinarias para coordinar estes cambios nas rutas de distribución e poder encher as tendas antes do día de paro, malia que as persoas que as realizan xa superaron o límite legal de 80 horas extra anuais.

Calquera destas prácticas constitúe unha vulneración do dereito fundamental á folga, en primeiro lugar porque as persoas traballadoras non teñen obriga de informar a empresa se farán folga ou non e en segundo lugar, porque reorganizar o traballo para minimizar ou impedir os efectos dunha folga está considerado unha práctica de esquirolaxe ilegal.

Non parecéndolles abondo estas accións de ameaza e esquirolaxe, Gadis tamén arrincou dos taboleiros destinados á actividade sindical todo a información relativa á folga, colocando no seu lugar cartelaría en tamaño xigante contra a convocatoria e a representación sindical.

A CIG pide que se respecto o dereito fundamental

Aínda que este tipo de actuacións patronais amedrentadoras non son unha novidade no grupo Gadisa, nunca antes se vivira tal grao de intensidade e agresividade por parte da empresa ante unha convocatoria de folga no comercio de alimentación.

A CIG reclámalle á empresa que cese de inmediato nestas prácticas e respecte o dereito fundamental á folga do seu persoal e, ao tempo, pídelle á Inspección que actúe de maneira dilixente para que as persoas traballadoras non vexan coaccionado o exercicio efectivo deste dereito.

Para a CIG estes feitos tamén evidencian o medo real de Gadis a que a convocatoria sexa un éxito, porque os cadros de persoal, na súa maioría integrados por mulleres, están fartos de tanta precariedade, de cobrar salarios baixos, de ter contratos parciais, de soportar de maneira persistente unha sobrecarga laboral insostíbel que afecta á súa saúde, de non poder conciliar, mentres a empresa leva anos incrementando a facturación e obtendo beneficios millonarios.

Volver