Carpintería Cerqueiro recoñece a improcedencia do despedimento dunha traballadora que fora na candidatura da CIG
A Coruña -
O pasado mes de xullo, a federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña denunciaba publicamente o despedimento inxusto da súa candidata nas eleccións sindicais en Carpintería Cerqueiro (con centros de traballo en Carral e Alvedro). Agora, a traballadora vén de lograr un acordo xudicial polo que a empresa non só recoñece a improcedencia do despedimento, senón que tamén lle abonará unha indemnización por prexuízos e danos morais que multiplica por oito a contía que inicialmente lle recoñecera.
A FCM-CIG lembra que a traballadora non saíra elixida delegada nas oficinas "por tan só dous votos", nas primeiras eleccións sindicais que se celebraban nesta empresa, polo que entendía que o seu despedimento "era unha clara represalia sindical". Tras esta actuación inxusta, a federación respondeu cunha campaña de accións sindicais en defensa dos dereitos e liberdades da traballadora e para "concienciar tamén o persoal da empresa sobre a inxustiza cometida con esta compañeira".
Neste contexto, a FCM da Coruña chama o persoal de Carpintería Cerqueiro a organizarse "para afrontar os novos tempos con aínda maior convicción de que só unha CIG forte na empresa e no sector garante a defensa dun traballo digno, seguro e sen abusos".
Novas relacionadas
