ASPEL evidencia que non ten interese en resolver o conflito da limpeza presentándose na reunión sen unha nova proposta
As traballadoras non se resignan a seguir na precariedade e este martes montarán unha caravana diante do edificio da Xunta
Lugo -
A reunión celebrada este luns só serviu para constatar a absoluta falta de vontade negociadora de ASPEL e o seu desinterese por chegar a un acordo de convenio que permita rematar co conflito. Trinta e seis días despois de iniciarse a folga e tras a asemblea de persoal rexeitar por insuficiente a última oferta, a patronal presentouse hoxe na xuntanza sen unha nova proposta e agardando que fora a parte social quen lles trasladara outra plataforma.
Esta actitude manifesta o desprezo da patronal cara ás traballadoras e evidencia que a pretensión de ASPEL é desactivar o conflito dilatando no tempo as negociacións. Unha manobra que as traballadoras xa advertiron que non vai funcionar porque as súas reivindicacións son xustas e totalmente asumíbeis para unhas empresas que gañan beneficios millonarios.
Neste senso, Asunción Castiñeira lembra que a asemblea de persoal ratificouse na proposta trasladada á patronal o 27 de xuño, que non ten marxe de modificación, e así llo reiteraron á patronal na xuntanza deste luns. Neste contexto, a reunión rematou sen ningún avance e sen fixar data para o seguinte encontro. "A patronal segue na mesma postura, pero se espera que as traballadoras renuncien a loitar está moi equivocada", asevera.
Castiñeira critica que se lle consinta á patronal estatal ter secuestrada a negociación colectiva e impedir que as traballadoras da provincia de Lugo teñan unhas condicións laborais e salariais dignas. "Só reclamamos unhas táboas salariais que quedarían un pouco por enriba do SMI. Porque para negociar o salario mínimo non hai que sentar nunha mesa, xa o dá a lexislación", subliña.
A representante sindical denuncia que ASPEL está castigando as traballadoras pola súa combatividade e por non tragar cunha proposta de miseria que suporía seguir deixando as táboas por debaixo do SMI e ademais recortar o que se cobra pola antigüidade. Por iso demanda a implicación das administracións (que son as principais contratistas dos servizos de limpeza ) neste conflito para frear os abusos da patronal e reverter a precariedade nun sector considerado esencial e altamente feminizado.
Carava reivindicativa
Con este obxectivo, e para dar máis visibilidade á súa loita, as traballadoras instalarán dende mañá, martes 21 de novembro, unha caravana reivindicativa na explanada do edificio multiusos da Xunta de Galiza. A medida de prostesta iniciarase por volta das 12:00h.
O Encontro nacional de mulleres da CIG solidarízase coa loita das traballadoras da limpeza
Así mesmo, a CIG celebrará o mércores 22 en Lugo, o Encontro nacional de mulleres no marco da campaña polo Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A central acordou trasladar este acto de debate e formación a Lugo en solidariedade coas compañeiras da limpeza e a loita que están a desenvolver pola mellora das súas condicións de traballo. Ao remate do encontro, ás 12 horas, as delegadas da CIG e as traballadoras en folga sairán en manifestación dende o edificio da Deputación até a sede da CEL.