ASPEL evidencia que non quere resolver o conflito da limpeza ao pedir un aprazamento para decidir se acepta a mediación

Lugo -

Transcorridos  45 días dende o inicio da folga indefinida,  das mobilizacións diarias, das múltiples reunións coa administracións e de solicitar unha mediación, a patronal ASPEL deu unha nova mostra do absoluto desinterese que ten na resolución deste conflito, ao pedirlle ao Consello Galego de Relacións Laborais, un aprazamento de 48 horas para decidir se acepta ou non someterse á mediación.

Esta comunicación foi remitida por ASPEL na tarde de onte, martes 28, polo que o prazo solicitado polo empresariado remataría mañá xoves día 30. Para a representante da CIG-Servizos, Asunción Castiñeira, con este escrito a patronal estatal "estase rindo de todo o mundo: das traballadoras,  do CGRL, das administracións e incluso das persoas afectadas e polas consecuencias da folga".

Castiñeira é moi crítica coa actitude da patronal por secuestrar e negar o dereito á negociación colectiva das traballadoras, mais tamén lamenta o desastroso papel que están a xogar as administracións neste conflito, incapaces de pórlle coto aos abusos empresariais. "A postura de ASPEL, dende o primeiro momento, é dun desprezo total ao sector. Tivemos que pelexar para conseguir que se constituíra a mesa de negociación, porque ASPEL non quería, e agora as traballadoras teñen que realizar un esforzo económico, físico e psicolóxico descomunal, como implica soster unha folga durante mes e medio, para lograr un convenio de condicións dignas e sen que se lle recorten os dereitos xa recoñecidos".

Neste senso, lembra que avanzar nun acordo depende en exclusiva da patronal, porque a proposta da parte social non ten marxe de manobra, xa que se suporía deixar as táboas só 38 euros por enriba do Salario Mínimo Interprofesional. "Seguir na folga é a ferramenta que lle queda ás traballadoras e non imos parar até conseguir un convenio digno. Nin nos imos resignar nin imos ceder", asevera Castiñeira, quen apela ás administracións para que asuman as súas responsabilidades, interveñan no conflito e non abandonen as traballadoras, "reféns dos abusos patronais".

A folga e as mobilizacións continúan

Á espera de que ASPEL responda sobre a mediación, o persoal continúa coas mobilizacións diarias na rúa, os piquetes informativos, recollendo apoios institucionais e facendo quendas de 24 horas na caravana reivindicativa que instalaron hai unha semana diante do edificio da Xunta en Lugo.

Na xornada de mañá xoves acudirán á sesión plenaria do Concello no que se debaterá unha moción de apoio á súa loita e para a próxima semana un grupo de traballadoras trasladarase até Santiago de Compostela xa que o BNG vai presentar unha iniciativa no Parlamento sobre o conflito no sector da limpeza de Lugo.

Volver