As traballadoras/es de Linorsa en Lugo continúan coas protestas para reclamar o cobro dos seus salarios
Nesta ocasión concentráronse diante da Xefatura Territorial da Consellaría de Sanidade
A Coruña -
Esta é a terceira concentración que desenvolve o persoal de Linorsa da provincia de Lugo en menos dun mes. Unhas mobilizacións que tamén se están a realizar por toda Galiza, xa que a situación de impagamento é xeneralizada en todos os centros de traballo.
Aínda que Linorsa perdeu os servizos de limpeza de todos os xulgados de Galiza, continúan a ser moitas as administracións públicas que manteñen os contratos con esta empresa, que acumula un longo e reincidente historial de incumprimentos salariais e laborais.
Por iso, hoxe, alén de demandar o pago inmediato dos seus salarios, o persoal volveu instar as administracións a rescindir os contratos de limpeza que manteñen coa empresa para que outras compañías poidan asumir os traballos.